Your favorite left sidebar content goes here




Cabeceira de La Defensa

Cabeceira de La Defensa

O 11 de agosto de 1905 aparece o primeiro número do semanario La Defensa. Non foi este o primeiro xornal editado na Comarca do Deza, xa que existiu polo menos un precedente: El Deza que se publicou na vila de Lalín en 1883.

La Defensa foi, con todo, o xornal que tivo maior duración, pois estivo nas rúas do Deza de 1905 a 1910. Tratábase dun semanario que aparecía os días 1, 8, 16 e 24 de cada mes, subtitulado Periódico de intereses generales. Órgano defensor del Centro de labradores de este villa, aínda que durante algúns números do ano 1906 cambiouno polo de Defensor de la Religión y de los intereses materiales de esta comarca.

O seu formato era tabloide, constaba de 4 páxinas, das que a última era dedicada a publicidade. O prezo de venta eran 10 céntimos. Tiña imprenta propia, que estaba na rúa do Pontillón.

O director
O xornal foi fundado por Hipólito Codesido Sánchez que se converte no seu primeiro director. Codesido tiña xa unha longa experiencia na prensa galega. Orixinario probablemente de Melide, dirixiu en 1886 en Begondo o semanal Las Mariñas : Periódico de intereses generales, desde o que defendía apaixonadamente os principios católicos. Volvémolo atopar uns anos despois en Pontevedra, á fronte da revista de inspiración católica Galicia recreativa : Semanario popular Utile et Dulce nos anos 1890 a 1892. Ao ano seguinte pasa a dirixir o xornal El Criterio Gallego : Diario Católico de la mañana, de inspiración carlista.
En Pontevedra Hipólito Codesido é oficial do Goberno civil e exerce como avogado. Alí coñece á que había ser a súa muller, Gumersinda Silva, sobriña e herdeira de Antonio Taboada Iglesias (coñecido por “Barbarroja”), alcalde de Lalín de 1874 a 1883, que se traslada a Pontevedra ao ser elixido deputado provincial en 1884. Logo do pasamento de Antonio Taboada en 1888, a viúva e os sobriños trasládanse a Lalín. Hipólito toma contacto coa política local, no bando conservador, apoiando ao candidato deste partido á Alcaldía Laureano Blanco Rodríguez, oposto ao líder dos liberais Antonio Crespo. De feito, vemos a Hipólito como delegado do Gobernador civil na toma de posesión de Laureano Blanco como Alcalde en 1901.
Hipólito Codesido é tamén o artífice da creación da Sección Adoradora Nocturna de Lalín, da que é elixido presidente en outubro de 1903. Tampouco debeu ser alleo á fundación da Sociedad de Agricultores de Lalín, de inspiración católica, que bota a andar nesas mesmas datas.
Con estes precedentes, non é de estrañar que se lanzase á creación dun periódico para a difusión dos seus ideais, proxecto que xa tiña en mente a principios de 1904. Nace así La Defensa, en cuxa cabeceira proclámase órgano del centro de labradores.
Codesido permanece como director ata decembro de 1907, cando é nomeado Xuíz municipal suplente. Substitúeo na dirección o ex-alcalde Laureano Blanco ata o fin da publicación, nos primeiros meses de 1910; aínda que houbo un intento posterior de relanzar La Defensa, dirixido polo párroco de Lalín Buenaventura Cañizares en abril de 1911, que non chegou a callar. Hipólito Codesido xa marchara de Lalín a finais de 1908.

As seccións
A estrutura do semanario permanece practicamente constante nos seus cinco anos de andaina: principia cun artigo de carácter divulgativo referido ao asociacionismo agrario, as técnicas agrícolas ou os novos cultivos. Ven despois un apartado de creación literaria, onde aparecen poemas e contos de autores galegos (Rosalía, Pondal, Lamas Carvajal, Eladio Rodríguez, Filomena Dato Muruais, Francisco Añón, Aureliano Pereira, …) e algúns locais. A continuación figuran as seccións fixas: Parrafeos, diálogos irónicos e mordaces, escritos sempre en galego e asinados con pseudónimo, que fan mofa da política local (cambia o título polo de Contos e Contas a partir de maio de 1906); La semana, coa actualidade do Estado; Crónica Regional, onde se agrupan as noticias de Galicia e Ecos de la Comarca, a sección máis interesante (xa que as anteriores limítanse a un resumo dos contidos doutros xornais), dedicada ás novas de Lalín.
Aparecen tamén noticias de Cruces e Rodeiro asinadas polos correspondentes nestes concellos e nos últimos anos algunha crónica de La Habana e Bos Aires debidas a Cándido Lamas e Guillermo González, que exerceron tamén como correspondentes de La Defensa. Precisamente aos Hijos de Lalin en Buenos Aires dedicou o semanario un número monográfico con motivo do proxecto de construción dun cemiterio en Lalín.

Os contidos
En canto ao seu posicionamento político, xa comentamos que está encadrada no bando conservador e polo tanto mantén unha liña crítica coa actuación do daquelas alcalde, o liberal Antonio Crespo. Da temperada oposición dos primeiros anos, pasa á crítica esmagadora, o que o leva a ter que imprimirse na Vila de Cruces desde finais de 1906 e ao intento de clausura do semanario polo alcalde en decembro de 1907. Como curiosidade, no número do 8 de marzo de 1908 aparece unha obriña teatral de carécter satírico contra o alcalde Crespo: El Alcaide de Linlai que el pueblo mandó al carai.
La Defensa presta moita atención ás novas relacionadas coa igrexa, o culto e as organizacións católicas: podemos seguir a través do semanal o desenvolvemento da Adoración nocturna, as festas e romarías… Tamén á información sobre a agricultura (prezos dos artigos nas feiras de Lalín) e o asociacionismo agrario: a sociedade de agricultores de Lalín, á da Xesta… Vemos aquí reflectida a evolución ideolóxica de La Defensa, que empeza sendo propagandista do sindicalismo católico e remata facéndose eco do agrarismo dos solidarios.
O semanario dedica moito espazo á crónica social. Pero tamén podemos seguir a través das súas novas a formación das primeiras organizacións obreiras dezás e as folgas e incidentes laborais que se suceden en 1907 nas minas de Fontao.

Os colaboradores
Entre os máis asiduos destacan Francisco Vilariño, que escribe moitos artigos fundamentalmente sobre historia local; o seu fillo Jesús Vilariño, tamén con varias colaboracións, destacando as dedicadas a Solidaridad Gallega cara 1908; Germán Vales Failde, con poemas en galego; Antonio Codesido, o fillo do director; Alfredo Amigo Collía e José Somoza Armesto, de Carbia; Daniel Rodríguez Rubín de Agolada e outros que asinan unicamente algunha protesta ou carta ao director.
Entre as sinaturas están tamén (como era costume) as daqueles que aparecen unicamente con pseudónimo. A sección Parrafeos figura coa autoría de P. P. D’A P. NELA [Pepe da Penela], P. P. DE CARBALLUDE ou P. P. D’AS FESTAS. Prodígase tamén EL ORÁCULO DE LA MONTAÑA, que logo pasa a EL CRONISTA MONTAÑÉS. Outros alcumes curiosos son: Don Freán, El Mirlo de Brocos ou El Pardillo de Merlín que asinan as crónicas de Agolada.

Os folletíns
Quizais o maior interese para os lectores que hoxe se acheguen a La Defensa está nos folletíns que publicou. Como moitos periódicos da época, no semanario apareceron varios folletíns, obras en forma de cadernos que se publicaban na primeira páxina do xornal; os cadernos eran recortables e coleccionables formando os lectores finalmente un pequeno libro. O primeiro foi Máximas y refranes gallegos ordenados y coleccionados por Jacinto del Prado, publicado entre o 1 de setembro de 1906 e o 8 de xuño de 1907. Unha “curiosa y bien surtida colección” que chegou a venderse na Administración do periódico ao prezo de 1 peseta, e que se publicitaba como “o primeiro libro editado en Lalín”
Francisco Vilariño García comeza a publicación (xa anunciada nos primeiros números) de Deza Histórica o colección de apuntes narrativo-descriptivos tomados de los anales y crónicas del partido judicial de Lalín, en xullo de 1907, pero interrompese a finais de agosto, cando apenas chega ao fin da dominación romana.
A estrela dos folletíns de La Defensa é, sen dúbida, o Vocabulario Castellano-Gallego de Jacinto del Prado. Trátase do primeiro dicionario castelán-galego que se publica: as entradas están en castelán, e logo aparece a súa tradución ao galego, con algunhas explicacións tamén en castelán.
A primeira entrega apareceu no número 96 do semanario, correspondente ao 16 de setembro de 1907. Por desgraza, ao interromperse a publicación do periódico en 1910, interrompese tamén o dicionario. Así o que se conserva é un dicionario incompleto que abarca as entradas de abad a entalla, aínda que é de supoñer que o autor tería preparado o resto das voces.
As características do dicionario, segundo sinala o profesor Antón Santamarína débelle moito ao Diccionario gallego-castellano de Marcial Valladares Núñez, publicado en Compostela en 1884, pero o Vocabulario de Jacinto del Prado é bastante máis que ca un Valladares ao revés, xa que ten moitas palabras galegas de colleita propia.
Ao respecto da personalidade de Jacinto del Prado (probablemente un pseudónimo), pouco máis coñecemos que estes dous folletíns e varias Guías de Galicia, publicadas tamén na Imprenta de La Defensa.

Os anunciantes
Entre os establecementos comerciais que se publicitaban en La Defensa, destacamos: os lalinenses Relojería de José Vázquez, Confitería ultramarinos de Perfecto Goyanes Taboada, Ferretería, quincalla, calzado y abonos químicos de Teófilo García; Modista Josefa Santos Puga; Zapatería de Agustín Pallas; Antonio Rodríguez, profesor veterinario e Magín García, fotógrafo. De Silleda aparece La Gallega, gran fábrica de embutidos de Vázquez hermanos.

Manuel Igrexas


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin