Your favorite left sidebar content goes here




O feito de maior transcendencia socio-económica para a Comarca do Deza na época da República foron as obras de construción do ferrocarril Zamora-Ourense-Coruña. Por unha banda, creáronse postos de traballo nun momento no que a emigración cara América estaba practicamente pechada pola crise do 29, e, polo mesmo, xa non se recibían os xiros da emigración. Ademais, o pago de expropiacións das terras afectadas polos traballos foi o recurso para subsistir de moitas economías labregas. Finalmente, a través dos obreiros do ferrocarril penetrou o asociacionismo obreiro e as ideas marxistas e anarquistas, creándose máis de 15 sociedades obreiras na comarca, a maior parte afiliadas á UGT, entre as que tiveron un destacado papel as de Donsión e Vilanova en Lalín e a de Ponte en Silleda.

As obras do ferrocarril non se realizaron dun xeito continuado. As paralizacións foron constantes durante a República, dependendo dos créditos que os sucesivos gobernos concedían ou denegaban para un trazado que moitos en Madrid non consideraban prioritario. Estas suspensións provocaban mobilizacións sociais en toda Galicia e moi especialmente na Comarca do Deza. A máis importante foi a folga xeral de marzo de 1932, que parou durante máis dunha semana toda a actividade económica da Comarca; as Corporacións Municipais dimitiron en protesta pola interrupción da construción; organizouse un Comité de folga con participación de todos os sectores sociais, que se coordinou cos de Carballiño e Ourense; realizáronse manifestacións de máis de 8.000 persoas en Lalín; o Comité de folga foi detido en Pontevedra e liberado ao día seguinte pola presión da protesta popular… Os traballos continúan, pero volven interromperse ao pouco tempo.

Foi a paralización destas obras o que motivou a visita a Lalín, no mes de xuño de 1934, do Ministro de Obras Públicas do gabinete Samper, Rafael Guerra del Río, que ven acompañado do Ministro de Comunicacións, José Mª Cid.
A visita de inspección estaba xa anunciada para xaneiro, pero foi adiándose en varias ocasións, ata que finalmente ten lugar o día 11 de xuño de 1934. Os ministros saen de Ourense, e seguindo o trazado da liña férrea, deténdose nalgúns puntos, chegan a Lalín ás 11 da mañá. A vila enteira e moitos veciños do concello acoden a recibilos. Tamén están presentes comisións de outros concellos para solicitar melloras para os mesmos. Representantes de Pontevedra e Vigo acoden a saudar aos ministros. Arcos con inscricións alusivas ao ferrocarril adornan as rúas. Na rúa Galán e García Hernández poñen unha pancarta que demanda a continuación das obras para acabar co paro. Todos os obreiros das obras do ferrocarril están presentes.
Os ministros Guerra del Río e Cid, acompañados doutros cargos dos seus ministerios, autoridades militares e enxeñeiros da construtora do ferrocarril, son recibidos polo Alcalde Manuel Ferreiro e a Corporación en pleno, e a continuación diríxense a pe ao Concello (momento que recolle a fotografía).

No Concello, a Comisión Pro-Ferrocarril, presidida polo mesmo Alcalde e da que forman parte Domingo Palmaz, Francisco Rivas, Mario Teijeiro, Luis Taboada, Higinio Fernández e Manuel Noguerol, entrégalle ao Sr. Guerra del Río un prego no que se enumeran as peticións dos dezaos: continuación das obras do ferrocarril no tramo Ourense-Santiago e pago das expropiacións pendentes (máis de dous millóns de pesetas da época) para permitir que os propietarios consentisen na ocupación das terras. Demandan tamén do ministro o enlace da estrada Ventas de Narón a Folgoso ao seu paso por Lalín e a poxa das obras da estrada Lalín-O Carballiño. O ministro promete atender as peticións formuladas.

Despois, os ministros reciben varias comisións. A de Lalín pide ao Ministro de Comunicacións a instalación do teléfono na vila, servizo que chegará ao ano seguinte.

Logo de permanecer media hora na vila, a comitiva continúa a visita de inspección dirixíndose a Silleda, onde tamén son recibidos con entusiasmo. Detéñense uns minutos en Silleda para recibir o saúdo e as peticións das autoridades municipais e continúan a Ponte Ulla, onde os esperan representacións de A Coruña e Santiago.

As obras do ferrocarril continúan, pero volven paralizarse, esta vez totalmente, en outubro de 1935. Novas protestas e nova continuación en xaneiro de 1936. As expropiacións comezan a pagarse en xuño de 1935.

Manuel Igrexas


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin