Your favorite left sidebar content goes here




Os nomes das rúas de Lalín

Rúa General Franco
O seu nome establécese por un acordo do pleno do Concello de 20 de marzo de 1937, presidido polo Alcalde Bernardo Madriñán.

Hai que sinalar que a primeira decisión que tomou a Corporación ao respecto de dedicarlle unha rúa a Franco é anterior, xa que o 9 de xaneiro, ao mesmo tempo que o declaran “hijo adoptivo de este Ayuntamiento y predilecto de España”, toman o acordo de “que el trozo de la carretera de Monforte, comprendido desde el empalme con la carretera de Orense a Santiago en el centro de la Villa hasta las últimas casas del casco de la población de denomine Avenida del general Franco”. Esta denominación habíalle durar só dous meses, xa que, como sinalamos antes, nun novo acordo do pleno no mes de marzo, que parece seguir unha consigna do goberno de Burgos, modifican a decisión primitiva, establecendo que se lle debe dar o nome de Franco á rúa máis importante da vila, quedado a estrada a Monforte co nome de José Antonio Primo de Rivera.

Transcribimos, pola súa curiosidade, o texto íntegro do acordo:

“Habiéndose acordado por el Ayuntamiento dar el nombre de Avenida del General Franco al trozo de la carretera de Rodeiro, desde el cruce en el centro de la Villa con la carretera de Orense a Santiago, hasta las últimas casas del casco en la expresada carretera de Rodeiro, y habiéndose acordado por la Permanente en sesión del 1º de Febrero último proponer al Pleno se de el nombre de la calle José Antonio al trozo de la carretera de Orense a Santiago entre el cruce de la esquina y la carretera de Golada, se acuerda que dada la alta personalidad del Excmo. Sr. General Franco al dar una denominación nueva a cualquier calle del pueblo debe ser o tener carácter preferente sobre cualquier otra, es por lo que se acuerda que en lo sucesivo sea el trozo expresado de la carretera de Santiago, la más importante del pueblo, la que lleve la denominación de “General Franco”, y que se denomine calle de José Antonio Primo de Rivera, el trozo de la carretera que antes se denominaba Avenida del General Franco”

Anteriormente (a principios do século XX) denominábase Rúa Riestra. Ignoramos cando se estableceu oficialmente este nome. No Plano de Lalín que se publica na Geografía General del Reino de Galicia dirixida por F. Carreras y Candi (datado en 1930 aprox.) xa aparece con esa denominación. O nome de Riestra é o do Marqués de Riestra, que durante o primeiro terzo do século XX dominou caciquilmente a política pontevedresa.

Coa proclamación da República (16 abril de 1931) pasa a denominarse Rúa de Galán y García Hernández (os heroes da sublevación de Jaca, que se consideran os protomártires republicanos). Non hai ningunha confirmación oficial desta denominación, os únicos datos aparecen nos enderezos de varios establecementos que insiren a súa publicidade nas páxinas do periódico local La Nueva España (1931-32): O Nuevo Café e a Carnicería de Gumersindo Peña Dalama poñen como enderezo: Calle de Galán y García Hernández. Estes establecementos aparecen tamén publicitados no periódico Razón (1933-34), aos que hai que engadir Café Español, que tamén pon este nome como enderezo. Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, volve aparecer co nome de Riestra.

Rúa José Antonio Primo de Rivera
Logo de coñecerse a noticia do xuízo e execución de José Antonio Primo de Rivera en Alicante, a finais de novembro de 1936, a Falange solicita en todos os concellos da “zona nacional” unha rúa para o seu fundador. Segundo se recolle na Acta da Comisión Permanente do Concello de 1 de febreiro de 1937:

“Se da cuenta de un oficio del Jefe local de Falange interesando se de el nombre de calle José Antonio Primo de Rivera al trozo de la carretera de Orense a Santiago entre el cruce de la esquina y la carretera de Golada; se acuerda por unanimidad proponer al Pleno que en la primera sesión se acceda a lo solicitado, por estimarlo altamente patriótico.”
Sen embargo, como sinalábamos antes, o Pleno do Concello de 20-3-1937, acordou que fose a estrada a Monforte a que recibise este nome.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Carretera de Monforte.

Praza de Calvo Sotelo
Acordo Concello Pleno de 9-1-1937:
“Se acuerda por unanimidad que la Plaza de esta Villa llamada de la Constitución, y en donde se encuentra el monumento al aviador Loriga, se denomine en lo sucesivo Plaza de Calvo Sotelo, como recuerdo al protomartir del glorioso movimiento nacional”

Tamén da época da proclamación da República debe ser a denominación de Praza de Alcalá Zamora para a que antes era denominada Praza da Constitución (no Plano de Lalín de Carreras y Candi xa aparece con esa denominación). Segundo o periódico La Nueva España que se editaba en Lalín en 1931, o Abogado-Procurador Domingo P. Palmáz e a Xastrería “La Elegancia” de Gerardo Froiz figuran con este enderezo: Plaza de Alcalá Zamora. Sen embrago, noutro periódico anterior, La Defensa, a xastrería de Gerardo Froiz aparece co enderezo Calle del Centro num. 10, en 1907 .
En Razón (1933), Domingo P. Palmáz Abogado-Procurador, pon como enderezo: Plaza de la Constitución. Sen embargo, na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, volve aparecer co nome de Plaza de la Constitución.

Ten a denominación de Plaza de la Constitución en 1905 [La Defensa]. Foi aberta (explanada) en 1857 no que antes era o solar da cadea. Antes tiña a denominación xenérica de Plaza Pública. A feira trasladouse á carballeira da Corredoira en 1854 de onde volveu ao seu punto orixinario (a vila de Lalín) en 1872, celebrándose na Praza da Constitución. [La Defensa, 70, 1-3-1907]. A denominación Plaza de la Constitución está recollida nas actas do Concello de 1908: “La Corporación acuerda trasladar los puestos de la Plaza de la Constitución para la calle Viriato” [Actas Pleno, 15-11-1908]

Existiu a denominación de Rúa Viriato (posiblemente o que hoxe é prolongación da Rúa Colón cara ao Concello), tal como recollen as actas do Concello de 1907: “calle Viriato desde su empalme con la calle Colon” [Actas Pleno, 11-8-1907] e 1908: “La Corporación acuerda trasladar los puestos de la Plaza de la Constitución para la calle Viriato” [Acta Pleno, 15-11-1908]

En 1916/18 seguía existindo esta denominación, onde estaba LA MODA Peluquería Higiénica de Andrés Granja (frente a la Plaza de la Constitución), que insería publicidade no periódico local La Lucha.

Da época da República é a denominación de Rúa Democracia (que posiblemente correspondera a esta rúa). Tamén segundo La Nueva España (1931-32): Francisco Rivas B. Médico Municipal pon como enderezo: Democracia, 2. Este mesmo anuncio aparece en Razón (1933).

Rúa Joaquín Loriga
En xuño de 1927, con motivo da homenaxe que o Concello de Lalín lle tributa a Joaquín Loriga, logo do Raid Madrid-Manila, acorda darlle o nome de Joaquín Loriga ao cacho de estrada Santiago-Ourense que vai dende o cruce á Avenida Buenos Aires. Ignoramos se tiña algún nome anterior. Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Loriga.

Avenida Bos Aires
A petición da Sociedade “Hijos de Lalín” de Bos Aires, o Concello acorda denominar “Avenida de Buenos Aires” a unha rúa da vila. O acordo é do ano 1925, e a inauguración da Rúa ten lugar o día 21 de setembro de 1925. Ignoramos se tiña algunha denominación anterior aparte da popular Cacharela.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Avenida Buenos Aires.

Placa na parede do IES Laxeiro:

AVENIDA BUENOS AIRES
LA “SOCIEDAD HIJOS DEL PARTIDO DE LALIN”
A SU PUEBLO NATAL
SEPTIEMBRE 21 DE 1925

Rúa Ramón Mª Aller
Ignoramos se chegou a haber algún acordo oficial para a denominación desta rúa, nin cando empezou a denominarse así. O nome débese a que nela tiña a súa residencia o presbítero do mesmo nome, que xa era recoñecido como sabio nos anos vinte. O certo é que no Plano de Lalín que se publica na Geografía General del Reino de Galicia dirixida por F. Carreras y Candi (datado en 1930 aprox.) xa aparece con esa denominación.

Sen embargo, parte desta Rúa denominábase en 1930 Tirabeque, recollendo a denominación popular deste barrio de Lalín (Geografía General del Reino de Galicia dirixida por F. Carreras y Candi).

Na época da República denomínase como Rúa Ramón Mª Aller. Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece unicamente co nome de Ramón Mª Aller.

Rúa Colón
Por ser unha das rúas máis antigas da vila, o seu nome pode remontarse a fins do século XIX, de todos xeitos non temos datos sobre a súa denominación oficial.

A primeira referencia está recollida nas actas do Concello de 1907: “calle Viriato desde su empalme con la calle Colon” [Actas Pleno, 11-8-1907]
No Plano de Lalín que se publica na Geografía General del Reino de Galicia dirixida por F. Carreras y Candi (datado en 1930 aprox.) aparece con esa denominación.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Colón.

Rúa Pelayo
Por ser unha das rúas máis antigas da vila, o seu nome pode remontarse a finais do século XIX, de todos xeitos non temos datos sobre a súa denominación oficial.

No Plano de Lalín que se publica na Geografía General del Reino de Galicia dirixida por F. Carreras y Candi (datado en 1930 aprox.) xa aparece con esa denominación.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Pelayo.

Rúa da Ponte
Supoñemos que se trata dunha mala castelanización da denominación popular debida ao Pontillón sobre o río que hai no seu comezo.
No Plano da Geografía General del Reino de Galicia non aparece.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Puente.

Rúa Rosalía de Castro
Corresponde a actual con dúas denominacións anteriores:

A denominada Calle Nueva (o tramo ata o cruce coa actual Rúa Molinera) que recolle a denominación popular, trátase dunha rúa aberta a principios do século XX [en La Defensa, 1907, aparece anunciada a Sastrería Moderna de Emilio López Santomé con enderezo calle Nueva]. Non hai constancia da súa denominación oficial como Calle Nueva.

Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Calle Nueva.

O outro tramo (desde o cruce coa Rúa Molinera ata o transformador de FENOSA), denominouse Mercado: debía tratarse dunha rúa practicamente sen urbanizar (máis ben un camiño) nos anos 30, que daba acceso ao Campo da feira. Por suposto, non hai constancia da súa denominación oficial. Recollemos este nome da Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934.

Rúa Observatorio
Recolle a denominación popular que fai referencia á instalación do observatorio astronómico de Ramón Mª Aller. Era practicamente un camiño nos anos 30.
No Plano da Geografía General del Reino de Galicia non aparece.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, non aparece.

Barrio de Abaixo
Recolle o nome popular deste barrio. Non hai constancia da súa denominación oficial.
No Plano da Geografía General del Reino de Galicia non aparece.
Na Acta do Pleno do Concello de Lalín de 10 de setembro de 1934, aparece co nome de Barrio de Abajo.

Ademais das anteriores, temos constancia dalgúns lugares do concello nos se procedeu a nomear as rúas:

En 1926 os veciños de Prado solicitaron autorización ao Concello para descubrir unha placa co apelido do aviador Joaquín Loriga, que dese nome a rúa que forma a estrada Ourense-Santiago ao seu paso pola localidade. O pleno concedeu a autorización o 28 de xuño dese ano. A placa aínda existe hoxe.

En Bermés, a principios de xullo de 1932 púxoselle o nome de José Rodríguez González (o célebre matemático Rodríguez) ao tramo da estrada de Lalín a Vila de Cruces, ao seu paso pola localidade. O Centro Republicano de Bermés acordou, en decembro dese ano, adquirir por subscrición entre todos os afiliados, unha placa de mármore para rotular a rúa co nome do ilustre matemático.

Manuel Igrexas


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin