Your favorite left sidebar content goes here




Os antecedentes
Podemos situar os inicios do movemento obreiro na Comarca o 29 de xuño de 1904 coa fundación da primeira sociedade obreira: La nueva idea de Oficios varios de Lalín. A agrupación solicita a inclusión na UGT en outubro, ingresando oficialmente o 9 de novembro de 1908. Das condicións de traballo nesta época e das primeiras reivindicacións sociais, da conta a folga dos canteiros de Lalín de 1906, que reclaman media hora de descanso para comer, que finalmente lles foi concedida.

Tamén en 1904 se constitúe a Sociedade de Oficios y profesiones varias de Fontao en Vila de Cruces (o 6 de outubro). Temos novas fragmentarias da conflitividade obreira nas Minas Tiro e Sidón de Fontao durante 1906 e 1907, onde estalan varios altercados que rematan con incidentes violentos. Esta primitiva agrupación transfórmase na Sociedade de Obreros, mineros subterraneos y similares o 13 de agosto de 1911.

En Lalín, os canteiros crean unha nova sociedade o 9 de maio de 1913, denominada Sociedad de Canteros de la villa de Lalín y sus contornos, que supoñemos continuadora da anterior. É esta agrupación a que promove a folga dese ano para demandar un aumento de salario. Este sindicato terá continuidade ao longo dos anos dez e vinte, manténdose ata a II República.
Sabemos da súa colaboración nos primeiros momentos do Directorio (Ditadura de Primo de Rivera), cando un dos vocais da Xunta directiva, Manuel Presas, é nomeado concelleiro corporativo en abril de 1924.
Nos anos seguintes vaise fortalecendo, e chega a organizar a celebración do 1º de maio, aínda que durante moitos anos a manifestación foi prohibida polas autoridades, limitándose os actos a unha reunión no seu local social, daquela situado en Donramiro. En 1929 autorízase por fin a manifestación, e os obreiros celebran unha comida e pola tarde unha festa verbena na Praza da Constitución.

A II República
A situación socioeconómica da Comarca de Deza, fundamentalmente agraria, sufrirá unha transformación coas obras de construción do ferrocarril Zamora-A Coruña. A liña ferroviaria fora aprobada no “Plan de Ferrocarriles” de 1926, a iniciativa do Ministro de Facenda da Ditadura, José Calvo Sotelo. Estaba divida en catro tramos, o terceiro (Ourense-Santiago) atravesa os concellos de Lalín e Silleda. As obras, que contaban cun orzamento de 353 millóns e ocuparon a máis de 15.000 obreiros nas épocas de maior actividade, comezaron en 1929.

As dificultades para rematar o proxecto principiaron coa República: o novo titular de Facenda, o socialista Indalecio Prieto, sostiña que era unha “obra de prestixio” do vello réxime, de pouca rendibilidade. Isto, unido á crise económica, que propiciou unha política de contención do gasto público e equilibrio orzamentario, fixeron que o ferrocarril non fose prioritario para os sucesivos gobernos republicanos. Así, entre 1932 e 1935, as dificultades de presuposto paralizaron os traballos e os contratistas aproveitaron o atraso nos pagamentos para endurecer as xa de por si cativas condicións laborais, orixinando acesas protestas entre o persoal. Como consecuencia, os traballos aínda estaban pola metade cando estoupa a Guerra civil, sendo o tramo terceiro o que acumulaba máis retraso.

A construción do ferrocarril trouxo á Comarca traballadores de variada procedencia: labregos, cuadrillas portuguesas, os canteiros de Pontevedra, os capataces e os mineiros andaluces, afeitos ás tarefas subterráneas. E cos traballadores o movemento obreiro cobra un pulo considerable. Ao longo do trazado da vía xorden sociedades obreiras, a maioría de carácter parroquial, que exercerán nos anos da República un protagonismo social e político notable, e en constante progresión, constituíndo un dos axentes máis dinámicos e o principal movemento de masas na Comarca.

O primeiro sindicato que se organiza ao abeiro das obras, e o que terá maior proxección, a Sociedad de Obreros de PonteNova Donsión, créase en marzo de 1931. A primeira directiva elixida o 21 de abril, presídea Manuel Neira Rodríguez. José Crespo o vicepresidente, Luís Frade, vicesecretario, Ramiro Granja, tesoureiro e José Montouto, vicetesoureiro, terán tamén un destacado papel nas loitas sindicais e políticas ao longo do período republicano. O sindicato contaba neses momentos con 180 afiliados e aos poucos meses ingresa na UGT. Manuel Neira, o primeiro dirixente obreiro de importancia, procedía da emigración cubana, tamén José Donsión e José Blanco son “americanos”. A presenza de ex-emigrantes (expulsados de América polas súas actividades sindicais ou obrigados a regresar pola crise de 1929) é destacada en todos os sindicatos da comarca. José Fondevila, o comunista de Bermés, logo de retornar dos Estados Unidos en 1931, intégrase na Sociedade de Donsión, substituíndo a Manuel Neira como presidente, logo da morte deste en decembro de 1931. Tamén o sindicato mais representativo de Silleda: a Unión Obrera de Ponte, ten como secretario a Arturo Pérez Lázara, de procedencia arxentina. José Fares Fidalgo, retornado de Venezuela, xoga un destacado papel na organización da Sociedade de mineiros de Fontao.

Pero ademais deste, xorden, como xa comentamos, outros sindicatos en todas as parroquias polas que atravesa a liña férrea: Sociedad Obrera de Villanueva, constituída en agosto 1931, Los Carrilanos de Pontenoufe (A Xesta), La Democracia de Sante (A Xesta), Sociedad de Obreros de La Gesta, La Equidad de Botos, La Unión de Botos, Sociedad Obrera de Bendoiro e Sociedad Obrera de la Edificación de Prado, no Concello de Lalín. En Silleda, fóra da xa mencionada Unión Obrera de Ponte constituída en agosto de 1931, temos a Sociedad de Obreros de Oficios varios de la edificación de Silleda que se funda en setembro do mesmo ano, a Sociedad de Oficios Varios de Graba e a Sociedad de Trabajadores de Bandeira y sus contornos. Para completar a lista das organizacións obreiras, hai que facer mención ao Sindicato de Obreros de las Minas de Estaño de Silleda, presidido por Joaquín Mosteiro, creado en 1935 tras a reapertura das minas de Fontao en Vila de Cruces.

Finalmente, a antiga Sociedad de canteros y oficios varios de Lalín transformase en Centro Obrero-Casa del Pueblo, presidido por Avelino Souto e con Manuel Quintana como secretario. A sociedade xa tiña o proxecto de construír un local social propio dende 1927, para o que adquirira un terreo no Campo da feira de Lalín. As obras comezan en setembro de 1932, e contan cunha subvención da Corporación municipal “por ser das primeiras sociedades obreiras de Lalín e abarcar a todo o Concello”. O edificio, unha pequena casa de planta baixa, remátase en 1935, e comeza a funcionar como Centro Obreiro (a memoria popular lémbrao como Casa dos obreiros). Neste Centro terá a súa sede a Federación de Sociedades obreras y de Agricultores del Partido de Lalín constituída a finais de 1931 e na que se integran moitos dos sindicatos xunto con algunhas sociedades agrarias que avivecen coa chegada da República. José Fondevila será un dos seus dirixentes.
Da maioría destas agrupacións temos documentado o seu ingreso na UGT.

Os conflitos sociais
Os conflitos sociais destes primeiros anos da República eran fundamentalmente defensivos: centrábanse no recoñecemento sindical, na defensa dos postos de traballo e a esixencia de aplicación da normativa laboral. Así o vemos na folga xeral nas obras do ferrocarril de maio de 1931, coa participación de máis de mil obreiros, para demandar o cumprimento da xornada de 8 horas e un aumento de salario, que requiriu a presenza do Gobernador civil para mediar nas negociacións. Finalmente chégase a un acordo, pero a Compañía Gamboa e Domingo, concesionaria das obras, non o cumpre e en xuño prodúcense novos paros. O incumprimento da xornada de oito horas polos patróns tamén orixina as protestas da Sociedad de oficios varios de Lalín e da Sociedad de Oficios Varios de Graba diante dos respectivos Concellos.
A mediados de xuño xurde un novo conflito, ao negarse os contratistas a desembolsar máis diñeiro mentres o Goberno non conceda os créditos para a obra. O día 18, ante os rumores de paralización das obras, as protestas e manifestacións estendese por toda Galicia. O día 26 celebrase en Ourense unha asemblea popular á que acoden nutridas comisións das sociedades obreiras de Silleda e Lalín.

A actividade sindical é complicada nestes primeiros momentos da República, a patronal tentou abortar no seu albor o fenómeno sindicalista. Aproveitando a ignorancia e o individualismo da abundante man de obra barata, fixeron uso dos seus estreitos vencellos coa rede caciquil para atrancar o desenvolvemento do movemento societario. A persecución diríxese contra os líderes sindicais (detencións de Fondevila, dun dirixente obreiro na Abeleda por repartir os recibos da sociedade, de 8 persoas en Botos polas protestas polos incumprimentos da empresa); moitas veces usando á propia Garda civil para tentar facerlle a vida imposible ás nacentes sociedades obreiras (denuncia de Fondevila ao Comandante da Garda civil, polo atropelo de varios números destinados nas obras, que intentaron pola forza obrigar a volver ao traballo aos obreiros de Ponte Taboada con amezas de uso das armas, logo de terse declarado legalmente a folga).

Aínda así as protestas continúan. En decembro do 31, as sociedades obreiras de Donsión e Botos demandan a Compañía, ao negarse o contratista a cumprir as bases de traballo fixadas polo Comité Paritario InterProvincial de Construcción de Ferrocarriles (creado polo Ministerio de Traballo de Largo Caballero), que entraran en vigor a mediados de setembro. Na mobilización participa a Sociedade de Bendoiro, que percorre as obras levando á folga a todos os obreiros. Ao remate, celébrase un mitin na Praza de Lalín no que interveñen Fondevila e Celso Carrón. Iníciase unha folga de 800 obreiros á que porá fin a intervención dunha comisión do Comité Paritario.

Xa en marzo de 1932, ante o insistente rumor dunha nova paralización das obras, declarase a folga. En Lalín celébrase unha asemblea aberta o día 21, na que se acorda iniciar un paro xeral. Fórmase comité de folga con representantes das sociedades obreiras e asociacións profesionais, no que participan comerciantes, industriais, avogados, médicos, etc. O que manifesta o carácter interclasista desta protesta, xa que afecta non só ao movemento obreiro senón tamén ás mesmas autoridades republicanas locais ou a cativa burguesía vilega, interesada na construción do ferrocarril como unha fonte de progreso económico. O Comité de folga elixe unha Comisión executiva (presidida polo avogado Laureano García, na que non hai ningún representante obreiro) e trasladase a Ourense, Santiago e Pontevedra para coordinar as protestas cos comités Pro-Ferrocarril desas cidades. O paro en Lalín é total, concéntranse forzas da Garda Civil e prodúcense algúns incidentes (tiroteo ao autobús de liña Pontevedra-Lalín que non secundara o paro e cortes na liña telegráfica). O día 24 celebrase unha asemblea xeral multitudinaria a que asisten 5.000 persoas. O 26 dimite a corporación de Lalín, e ao día seguinte a de Silleda, onde se celebran manifestacións. Pídese a solidariedade doutros concellos, a dimisión do gobernador, envíanse telegramas aos deputados galegos en Madrid retirándolles a confianza. Varios representantes do Comité de folga son detidos en Pontevedra, o que provoca novas protestas.

Logo de oito días de folga xeral, a solución chega, aínda que de xeito parcial, ao introducir o goberno algúns cambios no proxecto de financiamento das obras, que permiten a súa continuación.

Pero o éxito da folga é un espellismo xa que a principios de abril as obras paralízanse outra vez, ao negarse os propietarios dos terreos a permitir a súa continuación ante o temor de que non se paguen as expropiacións. Isto fai que a empresa despida a todos os obreiros, que pasan por momentos dramáticos, como denuncia a Sociedad Obrera de Ponte ao Goberno civil, pedindo se prohiba exportación e acaparamento de artigos de primeira necesidade para que os obreiros en paro non “se vean arrastrados a cometer actos de violencia para poder subsistir”

Tocante á imbricación política do movemento obreiro, xa mencionamos a afiliación da maioría das Sociedades á UGT, e polo tanto, a conexión co PSOE. Sabemos dos intentos de formación dunha agrupación do PSOE en Bermés encabezada por Fondevila que en xullo de 1936 ingresa na Federación Socialista Provincial. O mesmo Fondevila e outros dirixentes obreiros participan nas eleccións xerais de novembro de 1933 como apoderados do PSOE. En xaneiro de 1936 existe unha organización das Juventudes Socialistas en Lalín e hai constancia dunha Agrupación Socialista en maio. En canto ao Partido Comunista, existía dunha célula con vinte militantes en 1933. Iso explicaría a inclusión dun agrarista lalinense, José Villar Pájaro, na candidatura do PC ás eleccións de novembro e a celebración en Lalín de mitins comunistas nesa campaña. En xullo de 1936 hai na Comarca oito células cuns cen afiliados.

Logo do abandono do goberno polo PSOE en xuño e da derrota da esquerda nas eleccións de novembro de 1933 (Bienio Negro), ao longo do ano seguinte prodúcese unha radicalización dos socialistas, cara á unidade obreira, a loita antifascista e solucións políticas propiamente socialistas. Esta mudanza de posturas é tamén patente na UGT que inicia unha política de unidade de acción con todas as forzas obreiras e propicia a formación das Alianzas Obreiras. Como queda patente no mitin do 1º de maio de 1934 de Silleda, organizado pola Sociedad Obrera de Ponte, de filiación ugetista. No manifesto que difunde o sindicato insístese na necesidade de unión de todas as organizacións obreiras e campesiñas, sen distinción de ideoloxías, para acadar o poder e na loita contra o fascismo. Estas son as súas reivindicacións:

“Liberación de nuestros presos. Libertad para la prensa revolucionaria. Amplio derecho de organización, manifestación y huelga. Supresión de todas las leyes represivas y de excepción”.
“Por la inmediata continuación de las obras de nuestro ferrocarril. Por un subsidio de tres pesetas diarias para los parados. Por la excepción temporal de todo tributo o renta a los campesinos pobres. Contra la carestía de los artículos de primera necesidad”
O Manifesto remata cun “¡Viva el Frente Unico de los trabajadores!”.

A Revolución de Asturias, en outubro de 1934, significou un duro golpe para o movemento obreiro na Comarca. Aínda que a folga xeral non ten moita repercusión (en Silleda pechan algúns comercios e quedan sen comunicacións telegráficas polo corte de varios postes da liña), a onda de represión que se desencadea coa clausura de locais e detención de militantes, é aproveitada polos patróns para endurecer as condición de traballo e tomar represalias contra os obreiros máis reivindicativos. Son detidos varios líderes sindicais: Fondevila, José Crespo, José González Blanco e Luís Varela Sobrado, acusados de coaccionar aos obreiros.

En 1935 a loita sindical faise en condicións cada vez máis difíciles pola represión dos gobernos da dereita, que clausuran varias sociedades e mesmo prohiben os actos do primeiro de maio dese ano, como sucede co mitin previsto en Silleda.

Ante a actitude dos gobernos radical-cedistas, a necesidade da unidade de todas as forzas de esquerdas faise sentir na Comarca e en xuño fórmase en Lalín un Bloque antifascista, no que participan os partidos republicanos e as organizacións obreiras. Os puntos sobre os que se basea o bloque son a amnistía, a solución do paro, as liberdades civís, a reposición dos concellos de elección popular, a autodeterminación das nacionalidades e a rebaixa de impostos.

A sintonía entre as organizacións de esquerdas locais da lugar a constitución meses despois da Casa da República, na que se integran Izquierda Republicana, Unión Republicana, o Partido Galeguista e afiliados do PSOE e do Partido Comunista. Tamén no mitin de Casares Quiroga en decembro hai unha importante presenza das Sociedades cos seus símbolos e as organizacións do Partido Comunista de Lalín e Silleda envían a súa adhesión.

O trunfo da Fronte Popular en febreiro do 1936, fai que a mobilización obreira acade novas cotas. Entre os meses de abril a xullo prodúcense na Comarca varios conflitos de entidade: folga dos mineiros de Fontao, folga e manifestación en Lalín o 5 de maio para solicitar a expulsión das obras dos obreiros non afiliados, nova folga do Ferrocarril do 8 ao 22 de xuño, folga xeral en Lalín pola detención do alcalde Xesús Golmar a principios de xullo.

O 18 de xullo estalla a rebelión militar en África, as noticias chegan a Lalín e os partidos da Fronte Popular comezan a organizarse. Manuel Ferreiro convoca aos presidentes das Sociedades obreiras para informalos e pedirlles que se manteñan alerta. Logo dunha viaxe a Pontevedra o 19, con Luís Frade e os alcaldes de Silleda e Vila de Cruces, declárase a folga xeral e deciden enviar reforzos á capital para defender a República. O 20 xullo, baixo a supervisión de Fondevila, José Crespo e o propio Ferreiro, organízase unha expedición armada a Pontevedra na que participan uns douscentos obreiros de Lalín e Silleda. Ao chegar a capital encóntranse con que o exercito xa saíu á rúa e os hidroavións de Marín sobrevoan a cidade. Teñen que regresar e xa os agardan grupos de falanxistas e gardas civís en Silleda onde se producen enfrontamentos.

A represión
Entre de agosto e setembro son detidos e encarcerados os directivos dos partidos políticos, sociedades e sindicatos non afectos ao Movimiento. Logo son xulgados en Consellos de guerra, en aplicación dunha curiosa xustiza ao revés que condena por rebelión a aqueles que se mantiveron fieis ao goberno lexítimo. As directrices da represión van encamiñadas á imposición de castigos exemplares aos líderes políticos e obreiros para estrangular calquera intento de rebeldía ou folga.

No movemento obreiro, as primeiras vítimas serán os dirixentes máis destacados, como José Fondevila, ao que un grupo de falanxistas e gardas civís intentan deter en Bermés o 25 de xullo. Consegue escapar, aínda que ferido, e permanece agochado algúns meses. Finalmente marcha a Portugal, consegue sortear á policía e embarca para Francia desde onde pasa á zona republicana. Tamén logran agocharse e así librar dunha morte segura, Manuel Gil Amigo, que fora presidente da Unión Obrera de Ponte e José Moreira Espiño de Silleda.

Pero estes foron casos excepcionais. A maioría dos sindicalistas máis significados foron detidos. Algúns paseados polos falanxistas como José Fares Fidalgo, Secretario do Sindicato mineiro de Fontao, Ramón Muíños Lorenzo, concelleiro e presidente da Unión Obrera de Ponte, Luís Frade Pazos, presidente da Colocación obreira e Tenente-Alcalde de Lalín, José López Bermúdez, presidente de La Democracia de Prado, Ramiro Granja, presidente de Fraternidad de Donsión, Luís Varela Sobrado, presidente de La Equidad de Botos, e José Montouto, da directiva da Sociedade de Donsión.

Foron fusilados tras consello de Guerra sumarísimo, Arturo Pérez Lázara, José Crespo Torres, presidente da Sociedade de Bendoiro, e José Donsión Muíños, da directiva de La Fraternidad. Algúns dos condenados á pena de morte salváronse por ser súbditos estranxeiros, como José Blanco ou José Vázquez, aínda que este acabaría morrendo en prisión. Tamén morreron na cadea, Antonio Costoyas, tesoureiro da Unión Obrera de Ponte, José Carballude, da directiva de La Fraternidad, Rogelio Cagide e Jesús Cea Asorey do Sindicato de Fontao.

Os demais sufriron penas de prisión e saíron a principios dos anos 40, aínda que obrigados a presentarse á Garda Civil e estigmatizados socialmente por “roxos”.

Moitos sufriron a confiscación dos bens, ou tiveron que pagar multas, o que deixou ás súas familias na miseria. Ademais, os locais e as propiedades das Sociedades obreiras foron incautados (como aconteceu coa Casa dos obreiros de Lalín). Por non falar da depuración dos funcionarios públicos: empregados municipais, carteiros e sobre todo mestres.

Manuel Igrexas


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin