Your favorite left sidebar content goes here




O disputado voto de Carbia

Paz-Andrade no Deza

Quizais non sexa moi coñecida a vinculación de Paz-Andrade coas terras do Deza, pero ademais dos lazos familiares, era un asiduo visitante nos anos vinte e trinta do pasado século e foi protagonista en actos políticos e nas eleccións do período republicano na nosa Comarca.

Valentín Paz-Andrade ten raíces no Deza, concretamente no lugar de Brandomés, da parroquia de Brandariz, no que hoxe é concello de Vila de Cruces. Alí naceu o seu avó materno, Manuel Andrade Carlín, un pequeno fidalgo con pazo e terras. Manuel Andrade casou en Pontevedra con Rosario Tojedo, sobriña do último prior do mosteiro bieito de Lérez. Do seu matrimonio naceron Matilda e Xoán Bautista Andrade, o poeta que tanto influiría na vocación literaria de Paz-Andrade. Con Manuel Andrade, que finou o 7 de febreiro de 1926, pasou Valentín os seus primeiros anos de vida. E a través del estableceu un vínculo coas terras de Carbia que permanecería ao longo da súa vida. Disto deixa constancia a fotografía de 1924, cando aínda dirixía o diario Galicia, na que aparece con varios persoeiros e políticos de Carbia nunha das súas visitas.

O seu ascendente no distrito dezao fixo que pouco antes da proclamación da II República, Francesc Cambó lle propuxera presentarse a deputado polo distrito de Lalín. Valentín, que xa coñecía a campaña republicana que viñan desenvolvendo Manuel Ferreiro e Antonio Jar, rexeita o seu ofrecemento alegando que era un distrito dominado polos republicanos. As eleccións a deputados nunca chegarían a ser convocadas e o goberno optou por facer unhas municipais o 12 de abril de 1931 que finalmente acabaron coa Monarquía. Paz-Andrade, xa vencellado co galeguismo, presentaríase ás eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 dentro da Candidatura de Selección Republicana con Castelao e Cabanillas. A piques estivo de ser elixido se non fose por varios incidentes electorais nos que os resultados de Carbia foron protagonistas e que desencadearon unha intensa polémica.
Na provincia de Pontevedra formouse unha única candidatura para concorrer pola maioría, formada pola Federación Republicana Galega, o PSOE e o Partido Radical. Polas minorías concorría a Candidatura de Selección Republicana na que estaban integrados os galeguistas Castelao, Paz-Andrade e Cabanillas xunto con outros candidatos como Amando Garra, Basilio Álvarez e membros do Partido Radical Agrario e a Dereita Liberal Republicana. Ao presentarse polas minorías, só poderían obter tres deputados. Celebradas as eleccións o 28 de xuño, as actas de Castelao e José López Varela que obtiveran o maior número de votos dábanse como seguras, pero no terceiro escano en disputa había moita igualdade nas votacións entre Ramón Salgado Pérez e Valentín Paz-Andrade. Á hora do escrutinio na Xunta Electoral provincial de Pontevedra, que tivera que ser aprazado pois faltaban por chegar os resultados de Lalín, prodúcense reclamacións e protestas contra as actas de varios distritos, especialmente as do Partido de Lalín e concretamente as dos sete colexios de Carbia. Paz-Andrade que obtivera unha boa porcentaxe de votación neste distrito grazas ao seu ascendente na comarca e aos amigos e parentes de Carbia, constata que as actas de Carbia foran falsificadas, pois non chegara a celebrarse a votación en ningunha das mesas, atopándose coa sorpresa de que a maioría dos votos son para Ramón Salgado. A Xunta aceptou a validez das actas e proclamou deputado a Salgado. Valentín decide impugnar a proclamación na Comisión de Actas do Congreso, contacta con deputados vascos e cataláns e pide o ditame de dous catedráticos de Dereito para presentar á Comisión. Reunida esta o 23 de xullo, ten lugar un intenso debate no que saen a relucir as irregularidades ocorridas en Carbia, pero a pesar de que se pide a intervención da xustiza para depurar responsabilidades, acéptase o escrutinio da Xunta electoral provincial e proclamase deputado a Ramón Salgado por 160 votos de diferencia con Paz-Andrade.
Nas eleccións municipais do 12 de abril xa ocorreran incidentes en Carbia, pois no colexio de Piloño produciuse unha discusión política entre os simpatizantes das dúas candidaturas enfrontadas (a de Cándido Soto e a de Jesús María Santaló) que rematou nunha batalla campal na que se cruzaron disparos, co resultado de dous mortos e doce feridos.

Paz-Andrade continua coa súa actividade política e participa na campaña de difusión do ideario do Partido Galeguista polo Deza. Así, o 1 de maio de 1932 foi un dos oradores dos actos organizados polas escolas de Hijos de Silleda para conmemorar a data, con dous mitins na Penadauga (Escuadro) e Freixeiro (Laro), intervindo con Antón Alonso Ríos e Xerardo Álvarez Gallego. En Escuadro expuxo o ideario do Partido Galeguista como instrumento da transformación política de Galicia, centrándose nos aspectos económicos e na situación da agricultura galega. Defendeu a Autonomía de Galicia argumentando que impulsaría o desenvolvemento económico do agro galego coa creación de cooperativas e as melloras técnicas. Animou finalmente a constituír comités parroquiais do Partido. En Laro louvou a iniciativa dos veciños de acometer as obras do cemiterio cos recursos propios, explicou o programa agrario do PG, a súa organización e a visión dos galeguistas sobre o problema social galego. Pero fundamentalmente dedicou o seu discurso a falar da economía rural, do sistema tributario e arancelario e da organización fiscal.

Volve ao Deza en xullo dese ano seguindo coa campaña de espallamento do Partido, xunto con Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos e Otero Pedrayo. O 24 de xullo celébranse senllos mitins en Noceda e Lalín, estando previsto outro en Vilatuxe (na feira dos Carballiños) que tivo que ser suspendido. Nestes actos Valentín é o encargado de expoñer o programa galeguista nos seus aspectos agrario e económico. A raíz da súa visita a Lalín contactan con Cándido Soto, orixinario de Carbia, un dos homes fortes da política local, que fora alcalde antes da Ditadura de Primo de Rivera e que conservaba un importante poder de influencia, quen lles promete a súa colaboración.

Na campaña para as eleccións de novembro de 1933, ás que Paz-Andrade se presenta polo Partido Galeguista que desta volta esta integrado na Candidatura de Izquierda Republicana, participa en varios mitins, concretamente o 14 de novembro no Campo da feira da Bandeira ás doce da mañá, con Joaquín Poza Juncal e Antón Alonso Ríos. Os oradores desprázanse ese mesmo día a Rodeiro para dar outro mitin ás tres da tarde. Celebradas as eleccións o 19 de novembro, os Radicais obteñen a maioría e polas minorías son elixidos os candidatos de dereitas. De novo se producen protestas durante o escrutinio, Paz-Andrade, Castelao e outros candidatos cualificaron de pucheirazo o acontecido en varios concellos, especialmente no de Carbia, onde se di que a pesar de non celebrarse as eleccións, as actas reflicten unha votación unánime para os candidatos radicais; aínda que esta vez o fraude electoral tamén chegou ao concello de Rodeiro.

Nas eleccións de febreiro de 1936 Paz-Andrade preséntase na Candidatura de Centro Republicano encabezada polo daquela presidente do goberno Manuel Portela Valladares. Nesta candidatura figura como número dous Jesús María Santalo Ponte, o avogado e secretario xudicial de Carbia, xunto con outros antigos membros do Partido Radical. A vitoria foi para a Frente Popular, pero polas minorías estaba en xogo o escano de Portela Valladares. De novo se produciron protestas ante a Xunta Electoral polo fraude ocorrido no distrito de Lalín, e outra vez as actas de Carbia foron protagonistas, pois un axente de Emiliano Iglesias, José Jaen, rouboulle ao carteiro os sobres que contiñan as actas nunha rúa de Pontevedra. O escrutinio das eleccións pontevedresas foi novamente obxecto de discusión na Comisión de Actas do Congreso, pero a pesar de recoñecer que se cometeran anormalidades, non se anularon as eleccións e Portela obtivo o seu escano.

Todo indica que en moitos destes amaños electorais dos que levamos falado tivo unha destacada actuación Jesús María Santaló, que fora alcalde e xuíz municipal de Carbia, afiliado ao Partido Radical, e que en 1934 foi nomeado secretario do Xulgado do Partido, e a quen Julio Calviño Friol, que traballou con el como axente electoral cualificaba como “o gran electorero” do Deza. En abril e maio de 1936 a prensa nacionalista e de esquerdas solicitaba para Santaló un expediente de depuración por “batir el récord de pucherazos”.

Manuel Igrexas
Publicado en FARO DE VIGO (edición Deza-Tabeirós) o 17-5-2012.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin