Your favorite left sidebar content goes here




Marcelino García foi un dos líderes do republicanismo lalinense, estreito colaborador do alcalde Manuel Ferreiro e primeiro presidente da Casa da República de Lalín.

Marcelino García Villar nace en Soutolongo en 1904. Estuda no Seminario de Lugo e abandónao en 1925 para continuar os estudos de bacharelato examinándose por libre en Ourense e A Coruña. En 1930 fai a reválida do Bacharelato en Madrid. Ese mesmo ano de 1930, cando se constitúe en Lalín o Centro Republicano, é elixido Secretario do mesmo. Participa, como representante dos republicanos lalinenses, xunto con Ferreiro, na reunión constitutiva da Federación Republicana Galega en marzo de 1931.

Logo da proclamación da República foi nomeado vocal da Xunta Xestora provisional do Concello de Lalín. Non participa na candidatura republicana que gañas as eleccións municipais en xuño de 1931, pero intégrase como funcionario municipal, primeiro como oficial do Concello en 1932 e ao ano seguinte como Recadador do Imposto de Utilidades.

Durante estes anos comeza a carreira de Dereito, examinándose por libre en Madrid e Murcia. Destituído como Recadador no bienio negro, foi elixido en novembro de 1935 presidente da Casa da República de Lalín, que se constituíu para agrupar a todas as forzas republicanas.

Logo do levantamento militar do 18 de xullo foxe ante o temor a unha morte segura, permanecendo agochado primeiro en Barcia e logo en Millarada (Forcarei) onde chegou a poñer escola. En 1945 preséntase ás autoridades en Pontevedra, pero ante o temor a ser detido, volve fuxir. Preséntase de novo en 1948, pero por medo a unha condena volve agocharse. Novamente detido en 1957, ao ser posto en liberdade pasa outra vez á clandestinidade.

Durante os anos que permaneceu fuxido continuou os estudos de Dereito examinándose por libre na Universidade de Salamanca e conseguindo a licenciatura en 1952. A súa última detención foi en 1965. A partir dese ano vive na casa familiar de Soutolongo onde morre en 1970.

Manuel Igrexas


1 Response to “Marcelino García Villar”

  1. 1 `pedro

    Este era ó irmán da miña avoa……..


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin