Your favorite left sidebar content goes here




Avelino Barrio, o médico dos emigrados

Avelino Barrio López

Avelino Barrio López naceu o 3 de xullo de 1885 en Toiriz (Vila de Cruces). Era fillo de Manuel Barrio López, xastre, e Serafina López Sá. Cando ten tres anos, ao pouco de nacer o seu irmán David, a familia emigra a Arxentina e instálase en Bos Aires. Avelino ingresou na Facultade de Ciencias Médicas, doutorándose en 1910. A súa Memoria de Doutoramento titulábase “Cesárea vaginal”. Foi practicante interino dos Hospitais Rawson e Misericordia (en La Plata) durante 4 anos. En 1910 obtivo o posto de médico interno do Hospital de J. I. Muniz. Con motivo da finalización dos seus estudos, a Sociedade Hijos de Lalín ofreceu un banquete na súa honra o 4 de setembro de 1910. Cando en 1911, ao pouco de nacer, o Centro Galego de Bos Aires se transformou en Sociedad Benéfico Mutualista, Avelino Barrio foi designado para encargarse dos consultorios médicos e despois converteuse no Director médico do Centro. Formou parte da Comisión do Departamento Nacional de Higiene. O 15 de decembro de 1918 foi nomeado socio honorario de Hijos de Lalín pola Asemblea da sociedade. En 1920, comisionado polo Departamento Nacional de Higiene, realizou unha viaxe por Europa coa súa muller Consuelo Pérez. Durante a viaxe visitou Galicia en agosto, e na Coruña naceu o seu fillo Avelino.

Avelino Barrio López, retrato de Luis Aquino

Tamén promoveu actividades industriais: fundou a sociedade familiar Barrio y Cía. SCA, que coa S.A. Ganadera La Constancia e Molinos Werner, deron orixe a Molino Villa del Rosario (en Villa del Rosario, provincia de Córdoba).

En 1929 foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega. En 1954 foi elixido presidente da Institución Cultural Española. Foi condecorado coas insignias da Orde de Afonso X O Sabio, no segundo grao de Comendador, polo embaixador de España en Arxentina José María Alfaro Polanco o 3 de setembro de 1958.

Avelino Barrio López finou en Bos Aires o 6 de agosto de 1959.

Foi pai do tamén médico e herpetologo Avelino Barrio Pérez (1920-1979).


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin