Your favorite left sidebar content goes here




José Manuel Puente Fernández naceu en Santiago de Compostela o 28 de setembro de 1869, fillo de Manuel Puente Fondevila e María Fernández Gómez, era neto de José Puente de Filgueira (Lalín). Emigrou a Arxentina onde aprendeu o oficio de carpinteiro e casou en Bos Aires o 16 de marzo de 1897 con Ramona Sánchez Mato, natural de Ordes. Na capital arxentina naceron as súas fillas María Andrea e Carmen. Enfermo, en agosto de 1902, regresa de América no vapor Willehad, a bordo do barco naceu o seu fillo Celestino Willehad Puente Sánchez.

Ao regreso da emigración americana a familia instálanse na Escravitude (Padrón) e despois trasládanse a Santiago de Compostela, onde Ramona establece un taller de pranchado de roupa. Alí nace o seu fillo Progreso en 1905 e dous anos despois Liberto. A muller enferma e trasládanse a Vilagarcía de Arousa, onde José Manuel encontra un traballo ben remunerado como ebanista.

No entanto, os pais de Puente trasladaran a súa residencia á parroquia silledense de Taboada. O pai, Manuel Puente Fondevila, foi un dos veciños que se negou a pagar as oblatas ao cura de Taboada en 1901, o que fixo estalar un conflito que remataría coa creación dunha comunidade protestante en Vilar. En 1911 morre a súa nai María Fernández e a familia Puente trasládase a Taboada para coidar do pai. Os fillos asisten á escola que o pastor protestante Tomás Dodd instalara en Vilar, e Celestino Puente fai a súa profesión de fe no protestantismo.

José Manuel convértese nun dos líderes do movemento agrario silledense. En 1920 créase a sociedade Agrícola Social Cooperativa, que se une ás do Pereiro e Graba que xa viñan funcionando, e os agrarios inician unha campaña de propaganda contra o caciquismo que representa o secretario do concello, Benito Rivas. Puente intervén nos mitins que se organizan en varias parroquias, destacando o seu discurso no acto do Marco en febreiro de 1921, no que resalta a vantaxes da asociación para os labregos e incítaos a perder o medo ao cacique. Xa organizados, os agrarios conseguen trunfar nas eleccións municipais do ano seguinte, derrotando estrepitosamente aos candidatos de Rivas. Pero ao facerse o escrutinio dáse o pucheirazo, a Xunta electoral provincial da por validas as actas falsas presentadas, e o poder municipal continúa en mans de Rivas e os seus secuaces.

Desátase un enorme movemento de protesta. En marzo ten lugar un multitudinario mitin, coa presenza de Basilio Alvarez, no que os labregos silledense mostran a súa firme decisión de non aceptar o pucheirazo e reclaman a posesión dos concelleiros agrarios electos. En maio constitúese en Bos Aires o Comité Auxiliar de las Asociaciones Agrarias del Municipio de Silleda coa presenza de Antón Alónso Ríos. As eleccións repetíranse en setembro, pero previamente amañadas, danlle o trunfo aos partidarios de Rivas. As protestas e concentracións continúan a pesar de que os caciques utilizan matóns para amedrentar aos líderes societarios. A desesperación leva a medidas extremas e o 7 de xaneiro de 1923 Benito Rivas é asasinado. Trala desaparición de Rivas, Manuel Fuentes, comerciante e depositario do Concello, toma o o seu relevo. Fuentes foi o artífice do trunfo de Vicente Riestra nas eleccións a deputado polo distrito de abril de 1923, conseguindo a derrota do candidato agrario Alfredo Pérez Viondi.

No entanto, os agrarios reorganízanse creando a principios de abril a Sociedad de Agricultores y oficios de O Castro, que elixe como presidente a José Manuel Puente Sánchez. A sociedade agrupaba a labregos das parroquias do este do concello (O Castro, Saidres, Negreiros, Taboada e Vilar). Pero pouco tempo van ter para as súas actuacións, pois en setembro Primo de Rivera da un golpe de estado co que se inicia a Ditadura.

E durante a Ditadura consúmase a vinganza do caciquismo contra Puente, a quen consideraban como un líder perigoso para os seus intereses e querían ver desaparecer de Silleda. O pretexto foi a presidencia dunhas eleccións de vocais para o repartimento de utilidades (consumo) en 1924, nas que o noso protagonista fixo presión en favor dos agrarios. Os antigos caciques denunciárono ao gobernador, e este ordenou ao delegado gobernativo que lle ofrecera a José Manuel a posibilidade de escoller entre o xulgado e o desterro. Puente elixiu o xulgado. Transcorreron varios meses, e cando xa se pensaba que todo quedaría en nada, a Garda civil presentouse na súa casa comunicándolle que tiña a 48 horas para marchar a Monforte de Lemos, onde o deportaban sen limitación de tempo. Puente parte a Monforte mentres os seus compañeiros encárganse de abonarlle a pensión e xestionar o indulto, que finalmente concede o Ministro da Gobernación en maio de 1926. Fuentes e os seus recorren entón ao xulgado denunciándoo xunto a José Puente e Manuel Salgado por falsidade en documento público, sendo procesados e ingresando en prisión.

O xuízo celebrouse na Audiencia Provincial o 13 de xullo de 1927, e Puente foi condenado a 14 anos, 8 meses e un día de prisión e unha multa de 500 pesetas. Ten que afrontar tamén as costas do xuízo, que ascenden a 3000 pesetas. José Manuel apelou ao Tribunal Supremo, logo de vender varias fincas para sufragar os gastos do Xulgado. Ante a denuncia que Alonso Ríos fai en El Despertar Gallego, desátase unha campaña de solidariedade entre os emigrados das sociedades dezás de Cuba e Arxentina. Fan subscricións para axudalo na súa defensa.

Sen embargo Puente, con case sesenta anos, non quere ingresar en prisión, e decide fuxir para Arxentina. Non regresou a Galicia coa instauración da República e tampouco estivo en Silleda cando os fascistas detiveron ao seu fillo Celestino e varios veciños de Vilar en outubro de 1937, acusados de opoñerse ao Movimiento Nacional.

José Manuel Puente morreu na Arxentina en 1952.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin