Your favorite left sidebar content goes here




O 30 de xuño de 1928 aparecía na primeira páxina do xornal El Pueblo Gallego, un artigo de Ramón Otero Pedrayo no que conta a historia do cruceiro da aldea de Cadaval, na parroquia do Castro de Dozón.

No remate da I guerra carlista, segundo lembra a inscrición, unha columna carlista acabou coa vida de 24 soldados gobernamentais, o 16 de xuño de 1839. Ao ano seguinte, os veciños do Castro contrataron a un canteiro para que labrara o cruceiro.

Otero Pedrayo visitou a aldea, viu o cruceiro e recolleu a historia no marco da primeira xeira que os membros do Seminario de Estudos Galegos realizaron polas terras de Deza.

Este é o artigo, que non volveu ser reproducido ata hoxe:

Un cruceiro e unha data

Pouca cousa. Un feito esquecido do que nin falan os libros e somentes vive na lembranza d’algús lugarciños da montaña galega, sendo un feito inda de onte que ten a virtú d’espertar en nós homes do século vinte, aquil bravo apaixoamento que brilaba, entre bágoas e xenerosas indinaciós, nas conversas dos homes do século dazanove, nosos pais e nosos abós.

O cruceiro non ten o prestixio étnico nin artísteco dos que recolle o lapiz de Castelao por toda a redondeza da Galiza. Non é románeco nin barroco, non’o traballoú a fesiticeira sinxeleza da arte popular ispirada na leenda relixiosa, nin diant’il se detén afervoada procisión campesía.

E un cruceiro ciril. Garda, eternamente, na montaña afastada, un movimento xusticieiro e piadoso do pobo.

O Castro de Dozón organizase en tres fatos de casas labregas antergas e unhas poucas novas ó correr da carretera. Son os aires ceibes e puros coma nádos na esgrevia beleza das serras (a Martiñá, o Faro, o Farelo, o Toxo do cabrito) que s’erguen curiosas d’hourizontes por riba d’outas terras ermas apenas traballadas n’os vales pequeneiros. A eirexa nova e pomposa inda tén vellas hedras no adral. Un camiño a ezquerda conforme se vai car’a Sant-Yago, cruzando por dous pobiños, por terras de pan e algún anaco de carballeira leva ó logar de Cadaval. Casiñas baixas, fortes, abrigadas pol’os treiteados de colmo, augas cantareiras, esgueitos abombamentos de terra de Montes. O cruceiro está n’un campiño: unha pedra de muiño sostén a crus de coluna que quer ser xónica. Un santiño c’un libro na cruz, e no fuste, pol’a parte do N. E. unha calivera. Dí a lápida:-“Hízose a la memoria de los soldados que an muerto en éste campo frente a la calavera el día 16 de junio de 1839. Un padrenuestro”.

A hestórea aconteceu d’iste xeito asegun contan os vellos. Os vintecinco soldados c’o seu xefe deixaron pasar unha grosa coluna carlista que levaba a direuceon de Lalín. Eran moitos, e cando ian xa lonxe ós liberales dispararon. Diron volta os carlistas, prenderon lume a casa onde se defendía a tropa, e fixerona toda prisoeira. O xefe fuxiú pol’os eidos, mais foi morto d’un tiro non sin que botara n’unha albariza o cinto das onzas. Os vintecinco homes, mozos arrincados da aldea ou veteranos do norte, foron fusilados en ringleira. Logo os lanceiros carlistas, de boinas brancas, fixeron patalexar os cabalos sobr’a grea de mortos. E seguiron seu viaxe. Dín que somentas se salvou un soldado a quen un carlista amigo dixo que se botara o chan pois íl faría de xeito que figuraba dispararlle. Os mortos díronlle terra no adral de Castro Dozón. O ano seguinte un canteiro chamado o Sr. Facundo ergueu o sinxelo e conmovedor moimento. Foi o precio da obra un día de traballo que botóu cada veciño nos eidos do mestre canteiro. O cinto do xefe foi atopado na albariza e sirviron as onzas pra facer rica unha familia.

Inda está en pé a casa na que se defenderon os soldados e o centeo verdega no campo sanguento. A iscrinceon non condena a ninguén. Paz pra todos. Siñala o feito terribre da morte e demanda unha pregaria ás pasaxeiras.

Impose a imitanza ó senso da inscriuceon. Mais o sentimento liberal de Galiza tén a obriga de lembrar o sacrifizo e d’agradecer os veciños da homilde aldea de Cadaval a piedade que souperon mostrar cás vítimas da guerra entre hirmaus.

R. OTERO PEDRAYO

Poden encontrar máis datos sobre esta historia aquí


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin