Your favorite left sidebar content goes here




Unha novela descoñecida do xornalista estradense José María Sánchez Brea.

La caída de un cacique

La caída de un cacique

Cando hai uns anos pescudaba información sobre o xornalista e agrarista dezao Jesús Iglesias Surribas, dei co arquivo de Manuel Vigide Fondevila, quen fora dirixente da Sociedade Agraria de Gresande nos anos vinte. Entre as cartas, folletos e un curioso e extenso diario dos seus soños, que conservan en Vilatuxe os seus sobriños, figuraba un libriño de 39 páxinas titulado La caída de un cacique. O folleto, en moi mal estado de conservación por mor da humidade e un pouco raido, fora editado na Habana en 1922. O seu autor era o estradense José María Sánchez Brea.

A obra foi esquecida e non hai ningunha referencia bibliográfica sobre ela, como tampouco se coñece moito sobre a traxectoria do seu autor. Pero non deixa de ter interese. A novela reflicte a preocupación pola instrución, unha constante nos emigrados galegos, que se topan cun destino laboral condicionado por non ter capacitación. A través da educación pretenden romper os obstáculos que impiden a mobilidade social. Tamén mostra a influencia sociopolítica dos emigrados nas súas comarcas de orixe. Nela faise patente como desde Cuba ou Arxentina se planifican e desenvolven os programas da loita agraria das nosas comarcas. De feito, entre os papeis de Manuel Vigide tamén está o Regulamento do Club Lalín da Habana (a sociedade que promove a construción de escolas e a loita anticaciquil) e o Regulamento das Escolas da Unión del Partido de Lalín en Bos Aires.

La caída de un cacique ten un subtítulo ben significativo: Novela de la vida real interpretando las veraces tramas políticas rastreras y el despertar de los pueblos oprimidos. No prólogo, o propio autor sinala que o seu único obxectivo é dar a coñecer “el peso abrumador de la rémora caciquil” para o que vai ser lacónico, eliminando os detalles e concentrándose na exposición do argumento, co que tamén quere conseguir que o libro, ao ser máis curto, sexa máis barato e poida ser mercado por todos os seus destinatarios (os emigrados cubanos que deberían envialo aos seus lugares de orixe). Di tamén que omite datas e lugares para facer así aplicable o relato a calquera lugar de Galicia.

Non ten, xa que logo, a obra, ningunha pretensión literaria, tal e como o autor recoñece, constituíndo máis ben unha especie de novela exemplar. Pero ten un gran valor documental ou quizais mellor, político, pois constitúe todo un programa de acción para a loita anticaciquil.

Fagamos un resumo do argumento: Unha comarca dunha apartada rexión de Europa, que vive da agricultura, e onde só hai unha escola, está dominada polo fidalgo Federico Roxal e o cura. Hilario Viñol, un dos veciños, non envía ao seu fillo Enrique á escola, pois como lle ensinan o cura e o fidalgo, saber ler só lle convén aos que queren marchar para América. Cando Viñol acode ante o cacique solicitándolle diñeiro para redimir ao fillo do servizo militar, Roxal préstallo coa condición de que envíe ao fillo a América onde poida gañar o necesario para devolverllo, pensando que sen instrución Enrique nunca conseguiría o diñeiro suficiente. O fillo emigra a Cuba, empregase nunha “hacienda” e seguindo os consellos do capataz matricúlase nunha escola nocturna. Ao rematala consegue un emprego nas oficinas, ao tempo que estuda unha carreira e acaba facéndose co posto de Administrador da compañía. Pero durante todo ese tempo non puido enviarlle diñeiro ao pai para saldar a débeda, e Hilario ten que ir vendendo as leiras e queda na miseria, véndose obrigado a emigrar. Casualmente remata traballando na mesma facenda da que o seu fillo é administrador, e este, ao recoñecelo, decide regresar con el e liquidar as débedas. Instálase na aldea e monta un negocio. Entra en contacto co doutor Ramiro de Larelle, tamén oposto ao caciquismo de Roxal e xuntos emprenden unha campaña para presentar ao médico como deputado a Cortes. Describe o autor as múltiples artimañas que utilizaban os caciques para conseguir a vitoria nas eleccións, sinalando incluso como algúns estanqueiros narcotizaban o tabaco que lle vendían aos opositores para que non puideran acudir a votar. Pero nesta ocasión non o conseguen, pois co traballo de Enrique, Ramiro é elixido deputado. E desde o Congreso consegue que fagan presas no río para regar a comarca, que chegue o ferrocarril, a construción de pontes e estradas e a instalación de escolas. Finalmente crean un Banco para proporcionar crédito aos negocios que se van creando na que xa é unha próspera comunidade.

Como exclama o pai de Enrique: “Maldita ignorancia! Maldito caciquismo! Y bendita sea la escuela!”. Esta podería ser a ensinanza desta historia.

José María Sánchez Brea en 1923

José María Sánchez Brea en 1923

Pero temos que falar tamén do seu autor. José María Sánchez Brea naceu na parroquia de San Pedro de Ancorados, no concello da Estrada o 15 de maio de 1888. Era fillo de Alejos Sánchez Sánchez, un labrego natural de Mesos (Frades) que casara en Ancorados con María Carmen Brea. José María emigrou a Cuba, sen que saibamos da súa traxectoria na illa, salvo que casou coa emigrante catalá Josefa Alberti, coa que tivo dous fillos, ata que publica a novela La caída de un cacique en 1922. Era coñecido nos ambientes xornalísticos da emigración galega e dirixiu o periódico Ideal Gallego, que co subtítulo Paladín de la cultura, defensor de la colonia gallega de Cuba y órgano oficial del Comité Representativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción editouse na Habana entre 1925 e 1930. Pertenceu á Sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada da que chegou a ser secretario.

Retornado á Estrada, fundou unha Academia onde se impartían clases para adultos, contabilidade, correspondencia e teneduría. Integrouse no Centro de Emigrados no que formaba parte da Comisión de Prensa e en outubro de 1931 foi elixido Secretario da Federación Agraria da Estrada. Colaborou coa prensa estradense e tamén escribiu no periódico La República de Silleda que dirixía Manuel Brea Abades.

O 24 de novembro de 1931 aparece o periódico La Vanguardia, subtitulado Semanario de izquierdas, no que José María Sánchez Brea comparte a dirección con Rafael Verea. O semanario, órgano do Partido Radical-Socialista da Estrada, está nas rúas ata finais de 1933. Durante eses anos o noso protagonista continúa coa actividade na Federación de Labradores e participa en actos políticos republicanos. Tamén é un convencido autonomísta, integrándose no Comité local de Propaganda Pro-Estatuto en febreiro 1933 e intervindo nos mitins de propaganda estatutaria. Tamén foi membro do Comité Pro-Monumento a Pardo de Cela, que organizou o mestre lalinense Manuel González Rodríguez, xunto con Antonio Fraguas e Manuel García Barros.

En xaneiro de 1933 foi nomeado director de El Emigrado que xestionaban os Hijos del Ayuntamiento de la Estrada en Cuba, e permaneceu ao cargo do periódico ate agosto de 1935. Compartiu esta tarefa coa de correspondente do xornal El Pueblo Gallego e coa dirección da publicación La Tranca, un periódico satírico que puxo a andar a esquerda estradense para ridiculizar ao dereitista La Palanca. Despois da vitoria da Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936 iniciouse a campaña para o referendo do Estatuto de Autonomía, e volvemos atopar a Sánchez Brea como orador nos mitins que se celebran nas parroquias do concello da Estrada.

Coa sublevación fascista do 18 de xullo de 1936, ten que agocharse ante o medo a ser detido e asasinado. Refuxiouse un tempo na casa do seu amigo o escritor e xornalista Manuel García Barros, disfrazado de xornaleiro, sobrevivindo cada xornada baixo a ameaza de que puidera ser a última e compartindo lecturas polas noites. Cando pasou a primeira onda represiva puido saír do seu agocho, e aínda que o seu procesamento foi sobresido, as autoridades franquistas abríronlle un expediente de responsabilidades políticas en 1940. Instalouse no Codeso, na parroquia de Aguións, e sobreviviu como viaxante uns anos. Morreu o 24 de abril de 1949.

Manuel Igrexas.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin