Your favorite left sidebar content goes here




Caídos por Dios y por España

As placas aos mortos na Guerra na Comarca de Deza

Placa na igrexa de Noceda

Placa na igrexa de Noceda

Se facemos un percorrido polas igrexas da nosa Comarca, e nos fixamos nas súas paredes, decatámonos de que en moitas delas existen unhas placas que lembran os mortos da parroquia na chamada “Guerra civil”.

A orixe da colocación destas placas conmemorativas dos “caídos” nas nosas igrexas foi o decreto da Jefatura del Estado de 16 de novembro de 1938 que proclamaba “día de loito” nacional o 20 de novembro de cada ano, en memoria do fusilamento de José Antonio Primo de Rivera nesa data de 1936. A lei establecía que “previo acordo coas autoridades eclesiásticas, nos muros de cada parroquia figurará unha inscrición que conteña os nomes dos seus Caídos, xa na presente Cruzada, xa vítimas da revolución marxista”.
E aínda que non aparecía así no decreto, esas inscricións acabaron encabezadas co nome de José Antonio, que para o franquismo representaba a sagrada fusión dos mortos por causa política e relixiosa, “mártires da Cruzada” todos eles.

Placa na igrexa de Saa

Placa na igrexa de Saa

Os outros mortos, os miles e miles de “rojos” e “infieis” asasinados, non existían, porque non se lles rexistraba ou se falseaba a causa da morte, asunto no que bispos e curas tiveron unha destacada responsabilidade.
Acabada a guerra, as igrexas e a xeografía española enchéronse de memoria dos vencedores, de placas dos “caídos por Dios y por la Patria”, mentres se ocultaba a “limpeza” que en nome dese mesmo Deus emprenderan e seguían levando adiante xentes “piadosas e de ben”.

A xerarquía eclesiástica cualificou como Cruzada de Liberación ou guerra relixiosa o levantamento militar do xeneral Franco contra a República, á que consideraban atea e anticatólica (o bispo Pla y Daniel chegou a afirmar en 1936 que “unha España laica xa non é España”). Ao considerala como Cruzada ou guerra xusta, bendiciu a violencia dos sublevados e cualificou aos que morreron no bando franquista como “mártires” ou “heroes”.
O estado franquista converteuse nun estado confesional, declarando ao catolicismo como relixión oficial. A ideoloxía do nacional-catolicismo, representou a unión político-relixiosa da “nación española” e a relixión católica durante o franquismo.

Así, xa dende o 18 de xullo de 1936, no territorio en mans dos rebeldes, os militares impulsaron a restauración da tradición, con crucifixos, sagrados corazóns de Xesús, virxes do Pilar e bandeiras tricolor que suscitaban adhesións e fervores. Foron recuperados vellos hábitos da relixiosidade popular, volveron as festas relixiosas ao calendario oficial e comezaron a celebrarse outras “nacionales” que acompañaron á Ditadura ata a súa extinción.
Un lugar especial dese cerimonial de purificación ocupárono os “mártires”, aos que se lles dedicaron numerosas ofrendas e cerimonias fúnebres. “Mártires de la cruzada” foron desde o principio os combatentes do exército rebelde mortos en combate, os belicosos sacerdotes que caían na fronte “alabando a Dios y vitoreando a España”, os católicos e os dereitistas, todos aqueles cuxo “martirio” significaba “odio relixioso e persecución á Igrexa”. “Os heroes desta cruzada e os mártires dela son tamén heroes e mártires, nun sentido verdadeiro, da relixión e da patria”, declarou o bispo de Oviedo Justo de Echeguren y Aldama.

Placa na igrexa de Margaride

Placa na igrexa de Margaride

Nestas placas aos caídos figuran os nomes dos que morreron na guerra dos tres anos no bando franquista. Pero segundo as nosas investigacións, non están todos.
Algunhas ausencias poden deberse á falla de información, pero inclinámonos máis ben por que o motivo sexa a súa insuficiente “adhesión” ao réxime (recordamos que moitos dos que combateron no bando de Franco, non o fixeron por conviccións ideolóxicas, senón obrigados ao ser chamadas as súas quintas). Hai que ter en conta que o número de voluntarios falanxistas, japistas ou tradicionalistas foi moi pequeno, a maioría quedaron na retagarda dedicados ás tarefas da represión e control ideolóxico da poboación.
Sabemos tamén da existencia de gran cantidade de escapados durante os primeiros anos da guerra, moitos deles declarados prófugos ao non presentarse ás autoridades estando chamadas as súas quintas. Hai abundantes noticias das detencións destes prófugos (e tamén de desertores) pola Garda Civil durante os anos 1937 e 1938.
Ademais, presentarse voluntario no exército era un xeito de escapar á represión. Tamén houbo algúns casos de soldados que se pasaron ao bando republicano –o máis coñecido entre nos foi o de Ramón de Valenzuela– e sabemos doutros que aínda que ese fora o seu desexo, non o fixeron por temor ás represalias contra a súa familia.

Estas placas foron instaladas en 1939, o ano en que rematou a guerra, que na terminoloxía da Ditadura franquista se denominou “ano da Vitoria”. Na grande maioría das que existen aínda hoxe (e sabemos que houbo algunhas máis, que se retiraron por obras nas igrexas), figura a inscrición “Caídos por Dios y por España” e encabezando a lista dos mortos, o nome de José Antonio Primo de Rivera. Nalgúns casos se lle engade o de Calvo Sotelo. Tamén aparece en moitas delas o símbolo de Falange (o xugo e as frechas).

Placa na igrexa de Larazo

Placa na igrexa de Larazo

Se facemos un repaso das que permanecen na actualidade en cada un dos concellos, atoparemos:

AGOLADA
Existen aínda placas nas parroquias de Borraxeiros, Brocos, O Sexo e Sesto. En todas figura a inscrición “Caídos por Díos y por España” e os nomes de Calvo Sotelo e José Antonio Primo de Rivera. Un caso especial é a placa da igrexa de Borraxeiros, na que aparecen ademais de “Caídos por la Patria”, as datas de comezo e final da guerra dos tres anos: “18 Julio 1936 – 1 Abril 1939” e unha dedicatoria: “Borrajeiros a sus heroes inmortales”.

DOZÓN
En Dozón só localizamos unha placa, na parroquia de Saa, colocada enriba da porta da igrexa, tamén coa inscrición: “Caídos por Dios y por España”.

LALÍN
No Concello de Lalín atopamos catro. A que existe na mesma igrexa parroquial de Lalín, e as de Camposancos, Noceda e Palmou. A placa de Noceda é semellante á que xa describimos en Borraxeiros, coas inscricións “18 Julio 1936 – 1 Abril 1939” e “Noceda a sus héroes inmortales”. As de Lalín, Camposancos e Palmou, son similares: cunha cruz nun lado, encabezadas co nome de José Antonio Primo de Rivera, finalizan con “Presentes”.

RODEIRO
Curiosamente non existe ningunha placa no Concello de Rodeiro, aínda que sabemos de veciños que morreron na Guerra.

SILLEDA
En Silleda é onde nos atopamos co maior número de placas. Aínda que aquí se optou en moitos casos por facer as inscricións directamente na pedra da parede da igrexa como en O Castro, Laro, Negreiros, Parada, Ponte, Refoxos, Saídres e Siador; algunhas delas hoxe xa practicamente ilexibles. Ademais, hai placas nas parroquias de Escuadro, Margaride, Moalde e Rellas. Nalgunha delas figura a data de colocación: “Año de la Victoria 1939”.
Un caso aparte foi o do monumento aos caídos da Praza da igrexa de Silleda. Unha mole de pedra, colocada no parque público. O monumento, que era orixinariamente máis grande, foi reducido cando se remodelou o parque en 1970. Labrada na pedra, unha aguia imperial sostén unha cruz na que aparece o símbolo de Falange. Encabezada co lema “Caídos en la Cruzada por Dios y por España 1936-1939. Presentes” e o nome de José Antonio Primo de Rivera ao que seguen os de 84 persoas, que corresponden aos falecidos de todo o Concello. A inscrición remata con “Arriba España”. O monumento xa foi retirado.

VILA DE CRUCES
No Concello de Vila de Cruces temos contabilizadas seis placas, nas igrexas de Bascuas, Cumeiro, Ínsua, Larazo, Piloño e Toiriz. Dáse aquí a particularidade de que todas están encabezadas coa anotación do nome da parroquia seguido de “a sus mártires”. Na parroquia de Bascuas figura na placa un sacerdote, Francisco Soto.

Placa na igrexa de Lalín

Placa na igrexa de Lalín

Fóra dalgunhas protestas e manifestacións públicas da Asociación Cultural O Naranxo, ou no caso de Agolada do grupo municipal do BNG, non sabemos de ningunha iniciativa que se encamiñara á eliminación destes símbolos franquistas.
A Igrexa católica española, principal responsable da continuación desta ignominia, debería tomar algunha disposición neste asunto, promovendo a retirada destas placas. Aínda non pediu perdón por bendicir e apoiar aquela masacre de “infieis” e a ditadura que saíu dela. Desde os bispos aos curas, todos coñecían a masacre, oían os disparos, vían como se levaban á xente, chegábanlles familiares dos presos ou desaparecidos, desesperados, pedindo axuda e clemencia. A actitude máis frecuente do clero ante estes feitos foi o silencio, voluntario ou imposto polos superiores, cando non a acusación e a delación. É agora cando estamos a coñecer o papel da igrexa na represión. Como nos teñen comentado algúns dos perseguidos e condenados no 36, “onde os curas non quixeron, non houbo mortos”.

MANUEL IGREXAS


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin