Your favorite left sidebar content goes here




SEG en Lalín
O Seminario de Estudios Galegos comezou o a súa investigación da Terra de Deza en 1928, continuando en sucesivas campañas en 1930, 1931, 1932 e 1934, rematando en 1935.

O obxectivo era realizar un estudio integral da comarca; os membros do SEG recorreron o Deza visitando castros, igrexas, pazos, romarías, facendo análises xeolóxicas, etc. Todo este material ía ser recollido nun libro que baixo o título “Terra de Deza” proxectaba editar o Seminario, semellante ao publicado logo dos seus traballos na Terra de Melide.

O SEG estaba dividido en Seccións: Arte e Arqueoloxía, Etnografía e Folclore, Historia, Xeoquímica, Música, … Cada unha delas dirixida por personalidades de prestixio cos que colaboraban varios axudantes (xeralmente alumnos da Universidade). En Lalín estiveron as figuran máis importantes do Seminario: Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Risco, Carro, Fraguas…

Filgueira Valverde participou xa na primeira campaña de 1928, na Sección de Catálogo gráfico dirixida por Xesús Carro, na que inventariaron máis de 30 igrexas e multitude de cruceiros. Participou tamén nas xeiras de 1930, 1932 e 1934 na sección de Arqueoloxía e Arte con Sebastián González García Paz, e baixo a dirección de Xesús Carro. Na campaña de 1935 integrouse na Sección de Folklore e Etnografía que dirixía Vicente Risco

A campaña máis importante foi a do verán de 1934. Estiveron presentes un numeroso grupo de investigadores acompañados dos seus axudantes; mesmo se realizou en Lalín a reunión plenaria do Consello do Seminario. Só nesta estadía se fixeron 300 fotografías de monumentos e construcións populares, romarías, etc; levantáronse plantas duns 30 edificios, … Rodouse unha reportaxe cinematográfica (realizada por Barreiro, da Casa Folk) que recollía imaxes do traballo realizado: El Seminario de Estudios Gallegos en Deza, foi distribuído pola agrupación xuvenil “Ultreya” e exhibido en cines de Santiago, Padrón e Noia.

Nestas campañas de investigación, que duraban xeralmente unha semana, os seminaristas instalábanse en Lalín, concretamente na Fonda do Ferrador, e dende alí realizaban saídas diarias. Visita obrigada dos investigadores ao chegar á vila era a casa de Ramón Mª Aller, membro tamén do Seminario, quen lles facilitaba os contactos necesarios, sobre todo entre o clero, para realizar os seus traballos.

É precisamente diante desta casa onde está tirada a máis famosa das fotografías do SEG, realizada en xuño de 1934. Nela aparecen diante: Ramón Otero Pedrayo, Antonio Iglesias Vilarelle, Isidro Parga Pondal, Manuel Ferreiro Panadeiro, Pedro Brañas Cancelo, Bibiano Fernández Ossorio Tafall, Robustiano Fernández Cochón, Vicente Risco, Sebastián González García Paz, Antonio Taboada Roca, Paulino Pedret Casado e Jesús Carro García. Detrás: Antón Fraguas Fraguas, Jaime Vidal Rey, Enrique Longa Vázquez, Ricardo García Suárez (Xoán Ledo), Xaime Illa Couto, Ferreirós Espinosa, Florentino López Cuevillas, Vicente Hermida e Anxelo Ramos Colemán. Nesta fotografía orixinal non aparecía Filgueira Valverde, que quedaba fora de cadro. Sen embargo a imaxe máis difundida do SEG, que mesmo figura na Gran Enciclopedia Galega, está manipulada para que nela apareza Filgueira.

SEG Deza manipulada 2-1

A derradeira campaña tivo lugar en 1935, e nela xa se fala de que os traballos van ser recollidos en tres volumes, debido á magnitude do estudio realizado.

Nesta última campaña, que se realizou en xuño de 1935, xustamente cando Castelao estaba aínda en Badaxoz, os seminaristas decidiron facerlle unha homenaxe para lembralo e compuxeron un poema colectivo. Trátase dun pequeno texto en forma de romance escrito a man por todos os membros do Seminario, cunha portada de Laxeiro e ilustrado con debuxos de Gómez Román, Risco e Vicente Hermida. Ten unha dedicatoria que di: “O Seminario adica este exemplar ao irmán Castelao, que o remitirá a Bóveda”. O poema titulado “Romance de unha fatal ocasión”, facendo referencia a o clásico do romanceiro castelán, non ten valor literario, pero si unha enorme importancia como testemuña da actividade dos seminaristas, das súas relacións e tamén de como pasaban o tempo logo dos seus traballos de campo. Comeza así:

“Mañanciña do San Xohan
mañanciña renomada
o Seminario dos sabios,
cara Deza camiñaba.
Na ecuatorial Aller vira
as estrelas que anunciaran:
trinta camiños que tecen
autos do Moca e Miranda.
Na casa do Ferrador
o seminario pousaba;
nas camas chinches de ouro
nas sabáns pulgas de prata.”

Podemos atopar nel referencias á Pousada do Ferrador, aos dous taxistas que os transportaban polo Deza: Moca e Miranda. Fálase tamén do final da Campaña do Deza e do próximo destino do Seminario, que sería a campaña nas Terras de Bergantiños… Pero sobre todo relata unha pequena festa que os seminaristas celebran a noite de San Xoán con loita de almofadas, colchóns que caen á rúa e unha brincadeira que lle gastan a Filgueira Valverde, coñecido pola súa misoxinia, ao meterlle unha boneca de palla na cama (á que bautizan como Teolinda).

“o casto leito luxaran
de Filgueira, con Teolinda
feita de un mollo de palla.”

Hai tamén unha referencia a Manuel Ferreiro, o alcalde republicano, que compartía con eles hotel, pois aloxábase na Pensión do Ferrador.

O libro da Terra de Deza non chegou a ver a luz. Estaba en prensa, na imprenta de Anxel Casal, cando aconteceu o golpe fascista do 18 de xullo. Parte do material destinado a esta publicación foi usado na Historia de Galicia, que baixo a dirección de Otero Pedrayo, editan en 1962 en Bos Aires.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin