Your favorite left sidebar content goes here




Correspondente de El Pueblo Gallego e El País durante a República, foi un dos promotores da homenaxe ás vítimas da represión no Deza.

Portada do seu libro

Portada do seu libro

José Manuel Vázquez Castro naceu en Cuba en 1914. Alí estaban emigrados os seus pais José María Vázquez Belay (José do Roque) e Estrella Castro Fernández. José Manuel é xa dende moi novo un rapaz apaixonado pola lectura e namorado dos libros. Nos anos vinte a familia regresa a Bermés e o seu pai, como moitos retornados cubanos imbuídos das ansias de emancipación e transformación social, intégrase no republicanismo lalinense. Foi un dos candidatos da lista encabezada por Manuel Ferreiro que gañou as eleccións de xuño de 1931. Elixido concelleiro, formou parte como vocal da Comisión de Instrución Pública. Con Antonio Jar integrouse da delegación lalinense na Asemblea Rexional de Concellos que aprobou o proxecto de Estatuto de Autonomía en decembro de 1932.

A finais de 1931 o noso protagonista, con só dezasete anos, convértese en correspondente do xornal El Pueblo Gallego en Bermés. A parroquia conta cun activo grupo de republicanos, entre os que destacan Francisco Asorey e o sindicalista José Fondevila. Desde as páxinas do periódico José Manuel Vázquez fai de portavoz das necesidades de Bermés: clama pola unión entre os veciños, o aproveitamento de montes e bosques, reivindica a construción da escola, a creación dunha biblioteca, o arranxo do cemiterio e a mellora das vías de comunicación. Polas crónicas sabemos tamén da súa febril actividade neses anos. Impartiu unha conferencia no Centro Republicano de Bermés co tema “A República base de progreso” en setembro de 1932. Organizou un concurso de beleza entre as mozas das parroquias da contorna, no que participaron 23 rapazas; o xurado proclamou “miss Deza” a Elena Iglesias, representante de Noceda. Animou a formación dunha nova banda de música baixo a dirección de Manuel Moure, que se chamou “El Porvenir”. Conseguiu finalmente a instalación da escola. Foi tamén nesta época cando se lle puxo o nome do matemático José Rodríguez González á estrada de Lalín a Cruces ao seu paso por Bermés. Vázquez foi obxecto dunha homenaxe en Sello organizada polo seu amigo Manuel Romero, que exercía alí de correspondente de El Pueblo Gallego.

Desde febreiro de 1936 José Manuel Vázquez volve exercer como correspondente en Bermés, nesta ocasión do xornal de Pontevedra El País, portavoz oficioso de Izquierda Republicana. As súas crónicas dan conta da manipulación exercida pola Igrexa nas eleccións de febreiro, da reposición da corporación democrática de Lalín e a festa posterior ou do pesar dos republicanos dezaos pola morte de Antón Vilar Ponte. Desde a páxinas do periódico pontevedrés volve reivindicar o arranxo da estrada Lalín-Cruces, a necesidade da educación e critica o fanatismo das aldeas auspiciado e incentivado polo clero.

Cando estala a sublevación fascista do 18 de xullo, e a pesar do seu recoñecido republicanismo, José Manuel síntese seguro pola súa condición de súbdito cubano. Pero a medida que os paseos, as detencións, os procesos e as execucións se van facendo cotiás, comeza a temer pola súa vida. Cando a principios de 1937 se estende o rumor de que os “cubanos” serían recrutados e irían a primeira liña, decide alistarse como voluntario na Brigada Flechas Negras, unha unidade mixta formada por mandos e persoal técnico italiano (procedentes do Corpo Truppe Volontaire, a forza enviada pola Italia fascista de Mussolini en apoio aos sublevados) e tropa española. Posteriormente a Brigada transformouse na División Flechas Negras e combateu na fronte Norte, logo na Batalla do Ebro e finalmente na campaña de Cataluña.

Ao rematar a Guerra volve a Bermés, sen que saibamos das súas actividades. En febreiro de 1947 casa con Amalia Fernández Sánchez, unha moza de Belelle que se criara en Bermés. Ao ano seguinte naceu a súa filla María Luz. Neses anos a vida no concello volvese asfixiante para os marcados polo estigma do republicanismo coa instalación en Lalín do Sector Interprovincial da Garda civil (a Brigadilla), un corpo especial dirixido polo comandante Manuel Montero, dedicado a persecución da guerrilla antifranquista que detén, interroga e tortura a calquera sospeitoso de non ser “adicto” ou colaborador do réxime. José Manuel decide marchar a Buenos Aires.

Na capital arxentina entra en contacto coa sociedade Unión del Partido de Lalín, que mantén viva entre os emigrados dezaos a loita contra a ditadura. Comeza a escribir nos periódicos antifranquistas bonaerenses unha serie de artigos relatando a represión na comarca do Deza. Especialmente significativo foi o titulado “La horrenda tragedia de Lalín”, aparecido en España Republicana no que denuncia como responsables do terror do 36 ao sarxento da Garda Civil Julio Rodríguez, ao alcalde Bernardo Madriñán e aos dirixentes falanxistas Jesús García, Amancio Moure e Mario Fernández. Tamén da conta da loita guerrilleira nos montes e aldeas da comarca, e fai análises da represión e da responsabilidade da Igrexa, nas colaboracións que publica no periódico Galicia (Órgano da Federación de Sociedades Gallegas) entre 1953 e 1954.

José Manuel Vázquez, xunto con outros lalinense exiliados a finais dos anos 40, que se integran na Sociedade Unión del Partido de Lalín: José Ferreiro, Francisco Blanco Barreiro e Jaime Agra Blanco, propóñenlle en 1951 á directiva da Sociedade a idea de facer un recoñecemento público aos mártires republicanos. En agosto do ano seguinte a Asemblea xeral da UPL acorda tributar unha homenaxe ás vítimas da represión facendo unha placa que os recorde. José Manuel Vázquez forma parte de comisión encargada de elaborar a lista e unha vez rematado o traballo en xullo de 1953, fíxase a data da inauguración para o 14 de abril de 1954, aniversario da República. A placa instálase nos locais da Federación de Sociedades Galegas e Vázquez é o encargado de escribir o discurso que le o presidente da UPL Bernardino Dobarro no acto oficial.

José Manuel Vázquez continúa coas súas colaboracións na prensa antifranquiata e tamén nalgúns xornais arxentinos, como Clarín. En 1973, ante os síntomas evidentes de descomposición da ditadura, publica un folleto que recolle unha recompilación dos seus artigos dos anos 50, co título A casi cuatro décadas del martirio de Galicia: 1936-1973, dirixido ás novas xeracións, para que non se esqueza ás vítimas da represión. O libriño foi enviado clandestinamente a familiares dos represaliados de Lalín.

Vázquez finou en Buenos Aires o 4 de outubro de 1997 quizais pensando como en 1932: “Tenemos por desgracia en nuestra tierra una combinación de política que no favorece en nada nuestras aspiraciones.”


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin