Your favorite left sidebar content goes here




Na parroquia silledense de Cortegada, coñecida na altura pola concorrida feira de Camporrapado, naceu Jesús Filloy o 22 de marzo de 1874. Era fillo de Soledad Filloy. Trece anos despois viría ao mundo o seu paisano Antón Alonso Ríos, con quen Jesús estableceu unha fonda relación de amizade. Pouco sabemos dos seus primeiros anos, só da súa participación no movemento agrario dos anos dez, polo que sufriu a persecución caciquil e tivo que emigrar.

Á volta do periplo migratorio instálase en Vilatuxe, intégrase na Sociedade de Agricultores de Gresande e retoma á súa actividade como propagandista agrario. As primeiras noticias sobre a súa participación na campaña agrarista son as da súa intervención no mitin anticaciquil que se celebrou en Freixeiro, na parroquia de Laro, o 5 de maio de 1921. Filloy, acompañado de Manuel Rozados, José Campos Baliñas e Jesús Culebras diríxenlles a palabra aos labregos co obxectivo de conciencialos na necesidade da organización en asociacións. Ao mes seguinte ten lugar en Siador outro mitin con representación das sociedades silledenses (Laro, Parada, Graba, Bandeira e Pereiro) e as de Lalín (Gresande, Anzo e Bermés). Interveñen José Gil Souto, José Manuel Puente e Jesús Filloy, que dedica seu discurso á explicación do que representa o cacique, a quen cualifica de raposo, mostrando os diversos xeitos de trampear o presuposto municipal para beneficiar os seus intereses. Tamén denuncia o matonismo co que intentan facer calar as reivindicacións dos agrarios.

Nese mesmo ano de 1921, cando a Sociedade de Gresande inicia o proxecto de constitución dunha Federación comarcal agraria, Jesús Filloy vai ser, xunto con Ramón Fernández o encargado de poñela en marcha. A pesar dos atrancos que o caciquismo pon para a súa formación (que mesmo chegan a enviar á Garda civil para impedir as reunións preparatorias), finalmente se constitúe o 11 de decembro, baixo a presidencia do avogado Samuel Goyanes Crespo. Entre os seus obxectivos está a redención foral, a venda directa do gando, a modernización da agricultura e a elección de representantes agrarios nas institucións políticas.

Xa organizados, os agrarios póñense como obxectivo o asalto ao poder municipal dando a batalla en Agolada, Lalín e Silleda. Jesús Filloy participa nos mitins da campaña electoral que finalmente lles outorga o trunfo nas eleccións municipais de febreiro de 1922, aínda que a vitoria dos lalinense queda desvirtuada pola traizón do seu candidato Samuel Goyanes e a dos silledenses será anulada pola Xunta electoral provincial, con enorme protesta.

Filloy continua o seu labor de propagandista coa presenza en asembleas e mitins das agrarias, como na celebrada pola Sociedade de Agricultores do Pereiro en xuño, na que trata de concienciar aos labregos da necesidade da educación para a redención do campesiñado, poñendo como exemplo as escolas que sosteñen os americanos fronte ás do Estado, por impartir aquelas unha ensinanza moderna e laica, mentres que as escolas estatais seguen con vellos métodos e sobre todo controladas e dirixidas pola Igrexa.

Debuxo de varios oradores no Congreso Regional Agrario de Tui, en 1922, no que participou Filloy.

Debuxo de varios oradores no Congreso Regional Agrario de Tui, en 1922, no que participou Filloy.

A finais de xullo participou como representante da Federación dezá no Congreso Regional Agrario de Tui que presidiu Basilio Álvarez, no que presentou unha proposición para o establecemento de escolas laicas en todas as parroquias, aínda que finalmente non chegou a aprobarse. Interveu como orador no mitin de clausura do Congreso. O seu discurso rematou con estas palabras:
“Hubo un día en que me avergoncé de ser gallego, por la falta de energía, por la humillación y por la pasividad del pueblo gallego. Hoy me siento orgulloso de serlo y en voz alta proclamo el pujante resurgir de Galicia.”

Ante as tensións que estalan na Federación polo comportamento do presidente, Samuel Goyanes, que pacta co seu tío o alcalde Antonio Crespo traizoando aos agrarios, acórdase a súa expulsión e designan a Jesús Filloy para o cargo, pero este renuncia e finalmente nomean a Ramón Fernández. Ocorre o mesmo na Sociedade de Gresande, onde logo de desbaratar un intento de convertela nun Sindicato católico como pretendía Cándido Soto, ofrécenlle un posto na Directiva, ao que tamén renuncia.

Filloy é un asiduo colaborador do periódico lalinense Verdad y Justicia que fundaran en abril de 1922 Máximo López Carral e Jesús Iglesias Surribas. Desde as súas páxinas critica a actuación de Ramón Fernández ao fronte da Federación Agraria, que propiciou a elección de Cándido Soto como alcalde en abril de 1923 grazas ao patrocinio do deputado Manuel Sáinz de Vicuña e o apoio do Marqués de Riestra. Aínda que o paso de Soto pola alcaldía é efémero, pois en setembro Primo de Rivera da un golpe de estado co que se inicia a Ditadura.

Nun principio os agrarios apoian ao Directorio, confiando nas promesas de rexeneración e no proclamado anticaciquismo do que fachendea o ditador. Jesús Filloy participa en xuño de 1924 na campaña de mitins polos concellos da Comarca nos que se pretende difundir a Unión Patriótica, o partido creado por Primo de Rivera para conseguir unha base social que o apoie.

Pero deseguida ven a decepción, ao comprobar como os vellos caciques volven facerse coas rendas do poder. Cando se desata a batalla polo control da Sociedade de Gresande, que Cándido Soto quere utilizar como plataforma política, Filloy, xunto con Francisco Cacheda, Jesús Iglesias e Jesús González Peña, vanse opoñer presentando unha candidatura alternativa que encabeza o propio Jesús Filloy. Resulta finalmente derrotado por un escaso marxe en decembro de 1924. Os líderes da facción perdedora son ameazados e perseguidos. Filloy foi denunciado por facer propaganda comunista, republicana e revolucionaria, aínda que a denuncia non chegou a prosperar.

Homenaxe a Victorino González. Cristimil, 1928.

Homenaxe a Victorino González na que participa Jesús Filloy. Cristimil, 1928.

A última nova que temos de Jesús Filloy é a súa participación na homenaxe que o 7 de outubro de 1928 lle renden en Cristimil a Victorino González, dirixente da Unión do Partido de Lalín de visita na súa parroquia natal. Esta foi a derradeira reunión dos líderes agrarios, pois alí estiveron Ramón González Vigide, Peña Surribas e Ramón Fernández Villar.

As poucas novas que puidemos recuperar sobre a súa personalidade poden apoiar a hipótese de que o noso protagonista servise de inspiración a Antón Alonso Ríos para o personaxe do “Americán” da novela Da Saudade, Amor, Arte e Misticismo. A súa loita pode resumirse como a da “protesta contra los escarnios que cometen los caciques con el pueblo gallego, que no conformes con robar vidas y haciendas roban la instrucción y la cultura ciudadana.”



Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin