Your favorite left sidebar content goes here




Eusebio Vence Calviño en 1918.

Eusebio Vence Calviño en 1918.

Cando un dezao le xuntos os apelidos Vence e Calviño darase conta de inmediato de que está diante dun conterráneo. Isto aconteceu cando vimos unha referencia a un frade franciscano de nome “León Vence Calviño”. Figuraba como director da revista La Voz de San Antonio, unha publicación que se editaba en Sevilla a principios do século XX.

Pero en realidade non se chamaba León, senón que ese foi o nome que adoptou ao ingresar na orde franciscana. Foi bautizado como Eusebio Vence Calviño na parroquia de Riobó, en Rodeiro, en 1857. Era fillo de Manuel Vence García e Benita Calviño Araujo, a curmá de Benito Antonio Calviño Mejuto, que foi xuíz e despois alcalde de Lalín entre 1897 e 1901. Os seus pais destinárono ao Seminario de Lugo, onde se ordenou sacerdote e empezou a colaborar na prensa eclesiástica. Foi administrador de El Lucense, un xornal de tendencia carlista que viu a luz de 1883 a 1902. Xa naquela época era recoñecido como un excelente orador e os seus sermóns eran solicitados como se dun famoso predicador se tratase. Temos algunhas mostras da súa prosa xornalística na revista Galicia, que dirixiu na Coruña Andrés Martínez Salazar.

En 1888 morreu a súa nai e ao ano seguinte o seu pai. Parece que se trasladou a Vigo por algúns problemas de saúde e en 1890 converteuse en capelán das monxas do Colexio da Ensinanza de Vigo. Na Cidade da oliva desenvolveu unha intensa actividade xornalística: foi redactor de Faro de Vigo, chegou a dirixir La Integridad de Tui por un breve período, foi redactor de El Criterio Gallego de Pontevedra e fundou en Vigo o periódico católico El Restaurador.

Foi nese ano de 1893 cando decidiu tomar os hábitos franciscanos. Trasladouse ao Convento de Loreto, en Sevilla, tomando o nome de Frei León. Algúns anos despois foi nomeado Gardián do Convento de Franciscanos de Badaxoz, e alí dirixiu La Voz de San Antonio en dous períodos: de 1902 a 1905 e de 1917 a 1920. Asinaba os seus artigos na revista franciscana co pseudónimo “Campo de Mato” o nome do seu lugar de nacemento na parroquia de Riobó.

Eusebio visitou varias veces o seu concello natal e nalgunha ocasión tivo un especial protagonismo en Rodeiro, como por exemplo na celebración da primeira misa do seu paisano Germán Vales, o irmán de Javier Vales Failde, na que pronunciou o sermón en 1911. Por certo, pouco tempo puido exercer o sacerdocio Germán Vales, pois morreu ao cabo de dous anos. Tamén seguiu colaborando ocasionalmente na prensa galega, publicando artigos sobre moral e costumes en El Norte de Galicia de Lugo e El Compostelano.

Frei León Vence Calviño tomou posesión como Superior do Convento de Santa María da Rábida en Palos de la Frontera (Huelva) no ano 1923. O mosteiro da Rábida débelle a súa importancia histórica ao feito da chegada de Cristovo Colón, que atopou refuxio e atención entre os seus frades. Como Superior do Convento, Frei León foi o encargado de recibir e agasallar os tripulantes do voo do Plus Ultra en 1926.

Portada da Guía del Monasterio de la Rábida

Portada da Guía del Monasterio de la Rábida

Froito do seu coñecemento do mosteiro, Vence escribiu a obra Guía Histórica del Monasterio de Santa María de la Rábida, que se publicou en 1929 co pensamento posto na Exposición Iberoamericana que se ía celebrar en Sevilla nese ano. A Guía contén unha descrición do convento e dos lugares colombinos de Huelva, un repaso pola historia do monumento e tamén algunhas notas sobre a biografía de Colón e o descubrimento de América, que o seu autor –afirma- están tiradas do Arquivo Xeral de Indias de Sevilla. O libro, de 121 páxinas, contén abundantes fotografías. Por este labor divulgativo, a Sociedad Colombina Onubense nomeouno Socio Honorífico.

Algunhas fontes dan a Vence como autor dunha novela, Juanita Quirós, asinada co seu pseudónimo habitual en La Voz de San Antonio, Campo de Mato; porén, non puidemos confirmar este extremo.

Eusebio Vence Calviño finou no Mosteiro da Rábida en 1932, con 75 anos.

Capa da Guía histórica del Monasterio de la Rábida


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin