Your favorite left sidebar content goes here




O sabio lalinense Ramón Mª Aller, figura popular no mundo da astronomía e das matemáticas, ten tamén unha interesante faceta, quizais menos coñecida, a de promotor e impulsor dunha “escola de reloxería” en Lalín.

José Mª Vázquez

José Mª Vázquez

Imos dar noticia dalgúns dos discípulos reloxeiros de Ramón María Aller, centrándonos especialmente en José Mª Vázquez Vázquez, o fundador da saga e tamén o máis descoñecido. Non sabemos como chegou a aprender o oficio, pero nos primeiros anos do século XX, con pouco máis de vinte anos, xa o atopamos instalado na vila de Lalín cun pequeno taller de reloxería.

José María Vázquez naceu na parroquia de Vilanova o 19 de abril de 1880, era fillo de Antonio Vázquez Duro e Rosa Vázquez. Estableceu contacto con Ramón Aller para que este o iniciara nas matemáticas, na astronomía e nos secretos da reloxería. Consciente da intelixencia e habilidade de José, Aller encargoulle a construción dun aparato de antena que permitía recibir a hora do meridiano de Greenwich, transmitida desde a Torre Eiffel.

A fama de Vázquez estendeuse por todo o país, chegando a converterse no bruxo da reloxería, pois para el “non había cousa difícil de arranxar”. O seu taller de Lalín era a clínica á cal acudían todos os reloxos irreparábeis. Era tal o seu prestixio que se lle encomendou a construción dun reloxo para o mosteiro do Escorial. Rematado o traballo, deixou como encargado do mantemento ao seu irmán Casiano Vázquez, formado canda el en Lalín, e que estableceu en El Escorial unha reloxería.

Evangelino Taboada

Evangelino Taboada

No seu taller de Lalín tamén se iniciaron como reloxeiros o seu sobriño Evangelino Taboada, fillo da súa irmá Florinda, que entrou como aprendiz con dez anos e, un tempo despois, o irmán deste, Cándido Taboada. Logo de aprender o oficio co seu tío, os irmáns Taboada Vázquez instaláronse en Silleda, lugar no que casaron. Evangelino marchou a Vigo e estableceuse cun taller na Rúa Elduayen, mentres que o seu irmán Cándido asentouse en Compostela co seu cuñado Nicanor Otero, onde fundaron unha reloxería na rúa Caldeirería, a cal se converteu nun centro cultural e artístico durante os anos trinta. Por outro lado, na época da República Evangelino tivo tamén unha grande actividade política, pois foi candidato da ORGA nas eleccións municipais de Vigo e despois acabou afiliándose ao PCE. Cando estalou a sublevación fascista de xullo do 1936, el estaba pasando uns días en Vilanova, o que o salva dun linchamento. Permaneceu agochado en varias casas da parroquia, protexido por familiares até 1939, cando se presentou ante o gobernador civil Gómez Cantos. Debido á incerteza da súa situación decidiu marchar a Portugal co seu fillo Adolfo, pero foron detidos na fronteira e encarcerados. Logo de pasar un ano na prisión, saíron en liberdade provisional. Entre os traballos máis destacados de Evangelino podemos citar o reloxo do instituto Santa Irene de Vigo e a construción do aparato do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela. O relato da súa peripecia vital pode seguirse no documental O reloxeiro, dirixido por Rita Romero en 2012.

Anuncio da reloxería de Cándido Taboada

Anuncio da reloxería de Cándido Taboada

Pero volvamos con José Vázquez. En 1908 temos novas dunha das súas creacións, un péndulo eléctrico de precisión e, ao ano seguinte, construíu un reloxo completamente eléctrico que presentou á Exposición Rexional Galega de 1909, polo que obtivo a medalla de ouro. Continuou perfeccionado os aparellos e dous anos despois fabricou un novo modelo, un péndulo de segundos.

José María, que casara en 1901 coa moza da Xesta María Josefa García Fernández, tivo dúas fillas, Socorro, que naceu ese mesmo ano, e Celia, dous anos despois, en 1903. A súa muller María Josefa morreu en 1907 como consecuencia dun parto complicado e Vázquez casou en segundas nupcias con outra veciña da Xesta, Mercedes González Pájaro, filla de Pedro González Taboada, en 1910. Con Mercedes tivo cinco fillos máis: Antonio, Luís, María Alicia, Concepción, Adolfo e José Alfonso, que naceron todos en Lalín.

En febreiro de 1920 morreu a súa nai Rosa Vázquez, e José embarcouse do porto de Vigo cara a Buenos Aires, onde estableceu un modesto taller no barrio de Constitución, no que se dedicaba a reparar reloxos. Puxo máis tarde unha xoiería e unha fábrica de reloxos eléctricos nas rúas Avenida de Mayo e Belgrano que alcanzou moita sona na capital do Plata, onde era coñecido como o “mellor reloxeiro do mundo”.

Temos novas dalgunhas das súas obras na Arxentina. En 1924 fabricou en Córdoba o primeiro reloxo eléctrico con péndulo de precisión do país, que foi presentado o ano seguinte na Exposición de Industrias Arxentinas e polo que lle concederon a medalla de ouro. Tamén en Córdoba reparou o vello reloxo da catedral que se consideraba practicamente inservíbel. E construíu o reloxo eléctrico con carillón de campás para a igrexa da Nosa Señora da Esperanza de Buenos Aires

Reloxos do Luna Park

Reloxos do Luna Park

Cando se edificou o Luna Park, o pazo dos deportes da capital arxentina, chamárono para construír o xogo de reloxos que servía para regular os combates de boxeo, loita e baloncesto. Aínda que probablemente a súa obra máis orixinal fose o reloxo floreal para o Parque 9 de Julio da cidade de Tucumán. Inaugurado en 1935, mide seis metros de diámetro e as súas agullas pesan 95 quilos. Só hai outro do mesmo tipo no mundo. Puramente mecánico, había que darlle corda todos os días, ata que hai uns anos foi automatizado.

José María Vázquez regresou por primeira vez ao seu país a finais de 1948, nunha viaxe na que se reencontrou co seu mestre, o sacerdote Ramón María Aller, ao que visitou para entregarlle o título de socio de honra da Sociedad Hijos del Partido de Lalín en Buenos Aires por encargo da directiva da asociación e asistiu á voda da filla do seu sobriño Evangelino. Tamén aproveitou para desprazarse a París e visitar a Casa Brillet de fabricación de reloxos eléctricos, para introducir algunhas modificacións nos seus modelos. Volveu unha segunda vez a España en agosto de 1950, visitou á súa familia de Vilanova e tivo un novo encontro co astrónomo lalinense. Esta sería a última ocasión, pois morreu na capital arxentina a mediados de xaneiro do ano seguinte.

Reloxo do parque 9 de Julio. Tucumán

Reloxo do parque 9 de Julio. Tucumán

Os seus sobriños Evangelino e Cándido morreron tres anos despois, o 1 de agosto de 1954, nun accidente de moto cando viñan cara a Lalín.


1 Response to “José Vázquez, o reloxeiro de Ramón Aller”

  1. 1 O periódico La Defensa de Lalín at Historias do Deza

Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin