Your favorite left sidebar content goes here




O nome do pai

A denominación do colexio de Vilatuxe

Placa no CEIP Vicente Arias de la Maza

Placa no CEIP Vicente Arias de la Maza.

Cando preguntamos a calquera veciño ou veciña de Lalín polo nome do colexio de Vilatuxe, ou ben responden que se chama así, “colexio de Vilatuxe” ou ben dinnos que se chama “Barrié de la Maza”. Practicamente ninguén sabería dicirnos hoxe que a súa denominación é “Vicente Arias de la Maza”.

Quen é Vicente Arias de la Maza e por que o seu nome acabou sendo a denominación do colexio de Vilatuxe é o que me propoño responder neste artigo.

Efectivamente, a confusión con Pedro Barrié de la Maza, o que foi conde de Fenosa (único caso no que o nome dunha compañía acabou sendo título nobiliario), non é algo estraño, pois Vicente e Pedro eran curmáns, xa que a nai de Vicente, Mª Teresa Arias de la Maza, e a nai de Pedro, Amelia, eran irmás, fillas de Ramón María de la Maza Quiroga. Pero a razón do nome, e tamén da confusión, hai que buscala noutra relación de parentesco. En realidade Vicente Arias de la Maza era o pai de Carmela Arias Díaz de Rábago, condesa de Fenosa logo do matrimonio co seu curmán Pedro Barrié, e Joaquín Arias Díaz de Rábago, que foi propietario do Pazo de Des en Soutolongo.

Imos describir os momentos deste proceso. En 1968 a Dirección Xeral de Ensinanza Primaria inicia o expediente para a construción dos grupos escolares de Vilatuxe, Prado e Lalín. O proceso demorouse varios anos, ata 1972, ano no que o Ministerio de Educación e Ciencia dita unha resolución con data 10 de febreiro pola que se crea a Escola Graduada Mixta de Vilatuxe, con catro unidades escolares de nenos, outras catro de nenas e unha de párvulos. O colexio inaugúrase oficialmente o 2 de maio dese ano, co curso a piques de rematar e con pouca incorporación de alumnos e alumnas das escolas unitarias.

Agora toca poñer o nome á escola, o colexio de Prado xa optara por “Joaquín Loriga”, e o de Lalín era “Manuel Rivero” dende 1968; entre os nomes que se barallaron estivo o de Manuel González, o mestre de Soutolongo, pero foi descartado. O A principios do curso 1972-73, Alfredo Iglesias Vázquez, que viña de ser nomeado director, aconsellado pola inspectora Isidora Riestra Calderón, e de acordo os mestres e mestras do centro, propón a idea de darlle ao colexio o nome de Vicente Arias de la Maza, coa esperanza, segundo me confesou, de que a súa filla, a condesa de Fenosa, sufragase unha biblioteca para o centro, que carecía practicamente de dotación. Desprázase a Des, para falar co irmán de Carmela, Joaquín Arias, quen acepta encantado a petición e mesmo se ofrece a pagar a biblioteca do seu peto se non se obtén a doazón da Fundación Barrié.

Carmela Arias con Pedro Barrié de la Maza.

Carmela Arias con Pedro Barrié de la Maza.

A proposta recibe o apoio entusiasta do alcalde de Lalín, Luís González Taboada, quen a presenta na última Comisión Permanente dese ano de 1972 para iniciar os trámites do expediente. No primeiro pleno do ano seguinte, celebrado o 8 de xaneiro, acórdase por unanimidade, “en consideración a los méritos que concurren en la persona del Excmo. Sr. D. Vicente Arias de la Maza”, facultar á presidencia para solicitar do Ministerio a autorización para denominar “a la Agrupación Escolar Comarcal de Villatuje, en este Municipio, AGRUPACIÓN ESCOLAR COMARCAL VICENTE ARIAS DE LA MAZA”.

O Ministerio concede a autorización e en xuño de 1973 procédese a instalar a rotulación no que a partir dese momento se denominaría “Colexio Nacional de EGB Vicente Arias de la Maza”, pois acababa de entrar en vigor a Lei Xeral de Educación impulsada por Villar Palasí.

A desexada e prometida biblioteca nunca chegou a materializarse, e o único contacto coa familia Arias Díaz de Rábago foi a visita que a condesa realizou ao colexio uns anos despois, acompañada da inspectora Isidora Riestra e do alcalde Luís González Taboada. Foi recibida polo claustro de mestres e mestras, que lle entregaron un ramo de flores e convidárona a café e pasteis.

Posto que o expediente que abriu o Concello para a denominación do colexio, onde se poderían consultar os méritos de Vicente Arias, está ilocalizábel, fago agora unha sucinta biografía para dar a coñecer quen foi este persoeiro pois, máis alá dos detalles que da súa vida ten contado a súa filla nunha entrevista, é unha figura gris e completamente esquecida.

Pazo de Des nos anos vinte. Foto de Pelai Mas

Pazo de Des nos anos vinte. Foto de Pelai Mas.

Vicente Arias de la Maza naceu en Santiago de Compostela o 6 de xaneiro de 1873. Fillo de José Arias Armesto, de Monforte de Lemos, que casara con María Teresa de la Maza Agar, da Coruña, dona do pazo de Des. Instálanse en Santiago de Compostela, onde José Arias foi concelleiro e despois deputado provincial por Ortigueira e vicepresidente da Comisión Provincial. Militou no Partido Conservador, na facción de Benito Hermida e, ao morrer este, entrou nas filas do marqués de Figueroa seguindo a política maurista.

Vicente estuda Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e faise avogado. En 1910 é nomeado secretario da Xunta de Obras do Porto da Coruña, posto no que permanece até 1928. Casa en Santiago de Compostela con Carmela Díaz de Rabago Aguiar o 16 de xullo de 1911, e na Coruña nacen os seus fillos José María, Vicente, Joaquín (1916), Carmela (1920) e Concepción.

No mesmo ano de 1928 morren o seu pai e a súa nai, e Vicente convértese en herdeiro do pazo de Des. Trasládase a Cataluña como secretario da Xunta de Obras do Porto de Barcelona, acompañado de toda a familia. Ao estalar a sublevación do 18 de xullo de 1936 queda atrapado en Cataluña, mentres a muller e os fillos estaban de vacacións en Galicia. Vicente mantén o seu posto de secretario durante os anos da guerra, e realiza actividades de espionaxe para o bando franquista. Dous dos seus fillos, José María e Vicente, alistados no exército de Franco, morren en combate, polo que a súa nai recibiu as correspondentes “Medallas de Sufrimiento por la Patria”. O propio Vicente Arias tamén recibiu recoñecemento polo seu labor na quinta columna de Barcelona.

Ao rematar a guerra continua no mesmo posto e a familia regresa con el a Cataluña. Permanecen en Barcelona dous anos até que Vicente xubila anticipadamente e retornan á Coruña a finais de 1941. Descoñezo a súa actividade na cidade durante eses anos. Morre o 5 de marzo de 1963, tres anos antes do matrimonio da súa filla con Pedro Barrié de la Maza.

Necrolóxica de Vicente Arias de la Maza .

Necrolóxica de Vicente Arias de la Maza en La Voz de Galicia.

Como vemos, resulta difícil acreditar algún mérito á figura de Vicente Arias de la Maza máis ca o de ser o pai da súa filla, unha muller cun enorme poder nos anos finais do franquismo. Por este motivo, quizais cumpriría valorar a posibilidade de outorgarlle ao colexio de Vilatuxe un nome con algo máis de sentido.


1 Response to “O nome do pai”

  1. 1 Aral

    Moi interesante aportación. A ver se a partir dela se considera a opción de outorgarlle ao colexio un nome máis acaído.

    Grazas!


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin