Your favorite left sidebar content goes here




Aquel 18 de xullo

Hai 80 anos producíase en Marrocos a sublevación militar que pretendía derrocar a II República, levantamento que fracasou, pero deu lugar á guerra civil ou guerra dos tres anos. En Deza non vivimos a sublevación, pero si as súas terribles consecuencias. Este é o relato do que aconteceu nesas xornadas cruciais.

Xesús Golmar, alcalde de Lalín

Xesús Golmar, alcalde de Lalín

A partir de febreiro de 1936, cando o Frente Popular gaña as eleccións, e propicia a reposición das corporacións municipais elixidas democraticamente en 1931, iniciouse unha nova etapa de recuperación das conquistas do primeiro bienio, o que trouxo consigo o desenvolvemento dos partidos de esquerda e dos sindicatos. O cambio político máis significativo produciuse no Concello de Lalín, ao ser substituída en abril a Corporación encabezada por Manuel Ferreiro por unha Comisión Xestora presidida polo galeguista Xesús Golmar, da que forman parte Manuel Diéguez Varela, Luís Frade, Bernardino Rodríguez Ferradás e Julio Calviño; Ferreiro foi nomeado secretario do Concello.

Neste primeiro semestre de 1936 non houbo incidentes graves na Comarca. Os obreiros do ferrocarril en construción estiveron en folga, coas conseguintes manifestacións, sen que se produciran altercados; detiveron os dirixentes lalinenses da Falange (que fora declarada ilegal) aínda que foron liberados ao día seguinte; e seguiron as habituais pelexas nas festas parroquiais, que ás veces remataban con feridos. Porén, en Deza non houbo manifestacións anticlericais, asaltos ou queima de igrexas; as procesións saíron sempre á rúa e nin se chegou a facer efectiva a secularización dos cemiterios; tampouco houbo agresións ou detencións de dereitistas.

Un dos acontecementos políticos máis importantes foi a Asemblea de alcaldes da Comarca, celebrada o 3 de xuño, na que acordaron constituír unha mancomunidade para xestionar melloras para a zona, e, evidentemente, a celebración do Plebiscito polo Estatuto de Autonomía o 28 de xuño, que supuxo unha intensa campaña de mitins, moitos deles protagonizados por Antón Alonso Ríos.

A sublevación
As novas da sublevación militar en Marrocos chegan a Deza por radio o mesmo día 18. Esa noite achéganse a Lalín grupos de obreiros de Prado e Bendoiro á procura de noticias. Ao día seguinte desprázase a Pontevedra unha delegación encabezada por Manuel Ferreiro, cos alcaldes de Silleda e Carbia, acompañados de dirixentes políticos do Frente Popular e líderes sindicais, onde se entrevistan co Gobernador civil para recibir instrucións. Ao regreso ordenan a requisa de armas aos dereitistas e organizan patrullas cos gardas municipais e dirixentes obreiros. Non obstante, non chegaron a constituírse Comités de defensa e a autoridade estivo sempre en mans dos alcaldes.

Emilio Alonso Paz, alcalde de Silleda

Emilio Alonso, alcalde de Silleda

En Lalín mobilízanse as sociedades obreiras “La Fraternidad” de Donsión, “La Equidad” de Botos e “Obreros de La Gesta” e os seus dirixentes acoden á vila para poñerse ás ordes das autoridades republicanas. Porén, a Garda Civil vixía e impide as concentracións. Declárase a folga xeral o 20 de xullo, pecha o comercio e o Casino. Ordénase a requisa de armas e explosivos das armerías e póñense as polvoreiras das obras do ferrocarril baixo custodia das autoridades. Ferreiro convoca pola mañá os presidentes das sociedades obreiras para dispor a defensa da República e o alcalde Golmar dá instrucións para que a Garda civil reparta as armas do cuartel entre os obreiros, pero o sarxento comandante négase alegando que só obedece as autoridades militares.

En Silleda tamén se convoca a folga xeral e os republicanos proceden á requisa de armas e explosivos. Na vila de Cruces, ante a ausencia da Garda Civil concentrada en Silleda, os dirixentes republicanos dispoñen patrullas e vixían as estradas que levan á vila, que estivo baixo o seu control ata a mañá do día 21.

Non houbo ningún enfrontamento, agresión nin detención dos elementos de dereitas. As atribucións das autoridades republicanas limitáronse ao control da orde pública.

Expedición a Pontevedra
Na tarde do día 20 organízase en Lalín unha columna formada polos obreiros que foran chegando á vila durante a mañá, mobilizados polas sociedades. Uns douscentos traballadores, con poucas armas, parten en seis camións previamente requisados cara a Pontevedra en apoio á República. Á cabeza desta expedición van Manuel Ferreiro e os dirixentes obreiros José Fondevila e José Crespo. Ao seu paso por Silleda únenselles outro grupo en turismos e camionetas.

Cando chegan á capital, xa fora declarado o estado de guerra e a cidade está baixo o control do Exercito. Os de Deza regresan, algúns a pé. En Silleda espéranos xa forzas da Garda Civil, que secundou en todo momento a sublevación, e un grupo de falanxistas e gardas cívicos. Cachéanos e desármanos practicamente sen resistencia, aínda que hai algún incidente co disparo de armas sen consecuencias. Curiosamente non se produce ningunha detención e a maioría regresan ás súas casas.

Benjamín Salgado, alcalde de Carbia

Benjamín Salgado, alcalde de Carbia

Os alcaldes e dirixentes políticos, máis conscientes da nova situación, agóchanse: Manuel Ferreiro e Primo López, de Izquierda Republicana de Carbia, marchan a Compostela, pero serán detidos en agosto. Emilio Alonso Paz, o alcalde de Silleda, inicia unha fuxida polos montes do Candán, para marchar cara Ourense e pasar a fronteira portuguesa, onde foi capturado pola policía e entregado ás autoridades franquistas. Máis sorte tivo Marcelino García, que foxe tamén cara ao Candán, iniciando unha vida clandestina que non volverá á normalidade ata 1965. O alcalde de Cruces, Benjamín Salgado, agóchase en Arzúa onde permanece acubillado ata que se presenta ante as autoridades en 1945. Este é tamén o caso de Manuel Parga Díaz, dirixente comunista de Silleda, agochado primeiro en Compostela e logo na Coruña, onde finalmente se entrega.

Outros lograron permanecer ocultos, como José Moreira Espiño o primeiro Tenente-Alcalde de Silleda, que pasou catro anos nun caseto preto da súa casa ou Manuel Gil Amigo, o que fora presidente da “Unión Obrera de Ponte”, a quen finalmente descobren e deteñen en outubro de 1939.

Os primeiros días
A partir do día 21, toda a Comarca está baixo o control da Garda Civil, que comeza a recibir as primeiras ordes para iniciar a represión. En Lalín deteñen a Manuel Guillán Abalo, un mestre de Pontevedra afiliado ao PC que pasaba aquí as vacacións. En Cruces, ao regresar a Garda Civil de Silleda para dar conta da declaración do estado de guerra e colocar o bando, prodúcense as primeiras detencións: os irmáns Villar Cimadevila e o seu cuñado Manuel Blanco; rexistran os locais do “Comité de Izquierda Republicana” e apodéranse da documentación que lles servirá para inculpar aos republicanos. En Silleda levan á cadea a Miguel Nicolás Esperante, o que anos despois se converteu no famoso guerrilleiro “Corcheiro”.

O día 22 apresan o sindicalista José Crespo Torres. O 25, un grupo de falanxistas e gardas civís cercan a José Fondevila na súa casa de Bermés; ferido, consegue escapar ocultándose en casas de veciños durante algúns meses; finalmente logra pasar a Portugal, sortear a policía e embarcar para Francia, desde onde pasa á zona republicana para combater no exército leal. Porén, capturan a outro veciño de Bermés, José Vázquez.

Ordénase a destitución das corporacións republicanas: o 24 de xullo depoñen o Alcalde de Lalín e ao día seguinte aos de Silleda e Carbia. O 28 tócalle a quenda ao de Rodeiro; a principios de agosto os de Agolada e Dozón. Son substituídos por Alcaldes Delegados de Orde Pública, coñecidos militantes da dereita, que en moitos casos xa exerceran como alcaldes previamente á proclamación da República ou mesmo durante o bienio negro, como Bernardo Madriñán en Lalín ou Amalio Calviño en Rodeiro. Tiñan como misión o control e vixilancia da orde e a emisión de informes que foron os que xunto aos da Grada Civil propiciaron as condenas dos consellos de guerra.

E así chegamos ao mes de agosto, cando a maquinaria do terror actúa xa a pleno rendemento…


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin