Your favorite left sidebar content goes here




Antón Alonso Ríos

Antón Alonso Ríos

A historia de Antón Alonso Ríos como derradeiro presidente do Consello de Galiza, aquela institución creada por Castelao que representaba nos anos 70 o goberno lexítimo do noso país no exilio, non é aínda hoxe moi coñecida. Cando se restaurou a democracia en España, logo da morte de Franco, desde Catalunya e Euskadi reclamouse o retorno dos seus presidentes no exilio, os cales exerceron despois de presidentes das respectivas preautonomías, pois eran os depositarios da lexitimidade democrática da República. Non obstante, no caso de Alonso Ríos ninguén desde Galicia solicitou a volta á Terra de quen estaba chamado a ser o primeiro presidente da Autonomía galega. Antón morreu en Arxentina a finais de outubro de 1980, con 93 anos e canso de vivir.

O Siñor Afranio

O Siñor Afranio

Alonso Ríos protagonizou unha das peripecias máis extraordinarias da Guerra Civil: el era deputado agrarista elixido na candidatura da Fronte Popular cando se soubo da sublevación fascista do 18 de xullo. Por aquel entón estaba en Tomiño, onde organizou o comité de defensa da República e dirixiu a resistencia contra o exército en Tui. Logo de tres días de loita, os republicanos desistiron ante a superioridade dos sublevados e Antón, xunto aos outros dirixentes, tivo que acocharse. Os sublevados iniciaron a súa persecución e o mesmo cacique de Tui prometeu unha recompensa de 50.000 pesetas a quen o entregase (vivo ou morto) ou fixese coñecer o lugar onde se atopaba. Alonso Ríos decidiu entón fuxir e fíxose pasar por un esmoleiro portugués autobautizándose como “Afranio de Amaral”, nome dun naturalista brasileiro. Con esta nova personalidade estivo fuxido polos montes e traballando como criado en varias aldeas durante tres anos. O seu pouco oficio de pobre e a súa xentileza provocou que a xente lle chamase “Siñor Afranio”. Finalmente, a mediados de 1938, logo de dous intentos frustrados, conseguiu pasar a Portugal pola Serra da Peneda. Embarcou en Lisboa e, vía Casablanca, partiu para o exilio en Buenos Aires. O mesmo Antón relatou moitos anos despois esta fuxida no libro O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte.

Pero o Siñor Afranio tiña familia. Mentres todo isto lle acontecía ao deputado Alonso Ríos, a súa familia non permanecía allea á represión do novo réxime. A súa muller Oliva Rodríguez (natural, como Antón, de Camporrapado –na parroquia de Cortegada, Silleda– coa que casara en Buenos Aires en 1914) e os seus catro fillos Oliva, Chamor, Ombú e Celta, instalados en Tomiño, onde Alonso Ríos exercía como mestre na escola Aurora del Porvenir, sufriron continuos interrogatorios e rexistros para que deran a coñecer o paradoiro do fuxido. De feito, en máis dunha ocasión levaron a muller, Oliva, e a filla maior para que foran declarar. Finalmente, a finais de agosto de 1936, Oliva decidiu marchar de Tomiño coa súa familia. Tomaron un autobús e viaxaron a Silleda, onde deixou os fillos, Oliva, Ombú e Celta, ao coidado da súa sogra Matilde Ríos. A muller marchou, xunto co fillo maior, Chamor, á casa da súa cuñada Matilde Alonso, mestra en Vilagarcía.

Escolas Aurora del Porvenir de Tomiño

O feito de non deixar a Chamor en Silleda debeuse ao temor de Oliva a que puidese ser detido polas autoridades ou obrigado a ir á fronte. Chamor levaba sempre na solapa unha bandeira arxentina para facer patente diante de todos a súa condición de cidadán arxentino. Este temor fixo que Oliva intentase conseguir que Chamor saíse de España canto antes. Grazas á axuda do cónsul de Arxentina en Vilagarcía conseguiu embarcalo para Arxentina no outono de 1936. Unha vez que Chamor está seguro en Buenos Aires, Oliva continuou xestionando a viaxe de toda a familia a América.

Mentres tanto, os tres fillos permaneceron en Silleda, na casa de Matilde Ríos, ao coidado da súa tía Evangelina Alonso. Os dous irmáns pequenos asistían á escola que rexentaba a súa tía Rolindes Rodríguez (viúva de Jesús Alonso Ríos, irmán de Antón, mestre en Silleda, onde morreu en novembro de 1935). A filla maior, Buca, axudaba no negocio familiar e coidaba dos seus irmáns pequenos. Recibían de cando en vez a visita da nai, que continuaba coas xestións para sacar a familia do país desde Vilagarcía.

Finalmente, en xaneiro de 1937 Oliva presentouse en Silleda para recoller os fillos. Marcharon a Vilagarcía, onde colleron un automóbil na compaña da muller do cónsul, e dirixíronse á fronteira. A viaxe ata Lisboa foi accidentada porque a familia Alonso non as tiña todas consigo respecto dos trámites nos postos de control, e ían con medo, pero grazas á afouteza e decisión da muller do cónsul resolvéronse sen problemas todos os atrancos. Chegaron finalmente a Lisboa, onde embarcaron no vapor General Sanmartín rumbo a Arxentina o 13 de xaneiro de 1937.

O resto da familia de Alonso Ríos tamén sufriu as consecuencias da represión. A súa nai Matilde Ríos Neira e a súa irmá Evangelina (que rexentaba o comercio familiar), foron acusadas de colaborar cos republicanos silledenses facendo propaganda das ideas esquerdistas, e mesmo de proporcionarlles dinamita e municións dos seus establecementos comerciais.

As súas irmás Matilde e Dolores, tamén mestras, sufriron o proceso de depuración ao que se tivo que someter todo o maxisterio, unha purga minuciosa con expedientes a todos os mestres que os obrigaba a demostrar a súa fidelidade aos principios do réxime mediante avais. As irmás Alonso Ríos foron acusadas de ter ideas esquerdistas e de facer campaña polo seu irmán, aínda que finalmente non resultaron sancionadas.

A familia Alonso Ríos con Segundo Arceo

A familia Alonso Ríos con Segundo Arceo

Tamén o seu sobriño político, Celso Carrón, xornalista e impresor lalinense casado con Encarnación Alonso, sufriu persecución e torturas por parte da Garda civil, a consecuencia do cal morrería en 1943.

Para rematar, o seu curmán Emilio Alonso Paz, alcalde de Silleda en 1936 e afiliado a Izquierda Republicana, viviu unha peripecia semellante á de Antón, máis curta no tempo, pero non menos dramática. Emilio marchou primeiro a Compostela o 21 de xullo de 1936 para volver a Aciveiro buscando refuxio, pasou por casas de amigos de Grobas, Ameixendo, Zobra e Barcia, ata que emprendeu o camiño cara a Portugal pasando a fronteira en Tamaguelos; logo seguiu por Pedras Salgadas e Vila Real, onde finalmente o detivo a policía portuguesa o 8 de setembro de 1936 e o entregou aos militares sublevados. Emilio Alonso permaneceu na prisión de Tui ata o 30 de setembro, xulgárono en Pontevedra o 16 de febreiro de 1937 e condenárono a pena de morte, que se cumpriu un mes despois, o 16 marzo.

A muller de Emilio, Elisa García Arguindey, mestra de Taboada, foi tamén sancionada no proceso de depuración con inhabilitación e traslado a outra escola. Os fillos de Emilio, Luis e Juan, tamén sufriron a persecución das autoridades franquistas e víronse obrigados a emigrar ou, para dicilo claramente, a exiliarse.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin