Your favorite left sidebar content goes here




la-lucha-5-18-11-1916

En setembro de 2016 fixo cen anos da aparición dun dos periódicos lalinenses máis esquecidos: La Lucha. Apenas unha breve referencia nun artigo sobre o maurismo en Galicia dá conta da existencia deste órgano; tampouco existen exemplares en ningún arquivo. La Lucha definíase como “Órgano del Partido Maurista de Lalín”, estaba dirixido por Bernardo Madriñán, e o seu administrador era Wenceslao Garra.

Estamos ante un órgano xornalístico partidario, un periódico do Partido Maurista, primeiramente hai que explicar que é o maurismo e como chegou a implantarse en Lalín.

O maurismo foi un movemento conservador que se desenvolveu en España a partir de 1913 ao redor da figura de Antonio Maura, un dos líderes do Partido Conservador, presidente do Goberno de 1903 a 1904 e de 1907 a 1909. Xurdiu logo da escisión entre idóneos (partidarios de Eduardo Dato e da normalidade dinástica) e os partidarios de Maura. O seu desenvolvemento tivo lugar no período de crise dos partidos dinásticos da Restauración, e está considerado como un precursor da dereita radical española.

Con postulados claramente conservadores: defensa da relixión, monarquismo, fortalecemento do exército…, representaba unha novidade fronte aos partidos turnistas polo emprego de tácticas de mobilización do electorado, a denuncia do caciquismo (liberal) e as súas alianzas con partidos excluídos do turnismo. Tampouco se pode cualificar exactamente como partido, pois o propio Maura xogaba coa ambivalencia de ser unha facción do Partido Conservador que pretendía devolverlle o liderado ou ser un partido independente.

Aínda que en Galicia foi unha forza secundaria en termos electorais (sobre todo na provincia de Pontevedra, onde non conseguiron ningún deputado polo acordo entre liberais e conservadores para respectar as respectivas áreas), tivo unha relativa influencia, centrada sobre todo en dous dos seus líderes: Juan Armada Losada, o Marqués de Figueroa, na Coruña, e José Calvo Sotelo, en Ourense, pero co centro no veciño distrito electoral do Carballiño, polo que se presentou en 1918 sen resultar elixido, aínda que conseguiu o ano seguinte a acta de deputado.

En Lalín a política local e a do distrito electoral estaba dominada polo liberal Antonio Crespo, quen era o alcalde dende 1903, aliado con Ulrico Fociños, alcalde de Agolada. Crespo contou con amplas maiorías, que só se viron brevemente ameazadas en 1909 coa irrupción do movemento agrarista. Desde ese ano, os conservadores na oposición municipal só contaban con tres concelleiros: Eduardo Vidal, Bernardo Madriñán e Gonzalo López.

O Centro Maurista de Lalín constituíuse o 6 de abril de 1914; uns días antes, o 28 marzo, presentaran o Regulamento ao Goberno civil. A súa primeira Xunta directiva estaba formada por Eduardo Vidal, como presidente, Wenceslao Garra, vicepresidente, José Miguélez, tesoureiro, Bernardo Madriñán, secretario, José Aller, vicesecretario, e como vogais figuraban Gonzalo López, Arturo Blanco, Ricardo Crespo, José Domínguez e Ramón Rodríguez. Como vemos, na Xunta directiva figuran os tres concelleiros do Partido Conservador, polo que semella que os conservadores se integraron no novo grupo. O Centro contaba co respaldo e asesoramento de Ventura Cañizares, o párroco de Lalín, que a pesar de cesar en xullo dese ano, seguiu vinculado aos mauristas lalinenses.

Ventura Cañizares e os mauristas lalinenses  no claustro da catedral de Lugo.

Ventura Cañizares e os mauristas lalinenses no claustro da catedral de Lugo.

Pouco coñecemos da actividade do Centro Maurista, fóra da viaxe que unha comisión do partido, acompañada de Ventura Cañizares, fixo a Madrid para asistir á conferencia de Antonio Maura en abril de 1915. En xaneiro do ano seguinte elixiron unha nova Xunta directiva, que volveu presidir Eduardo Vidal e da que Gonzalo López pasou a ser o vicepresidente. En agosto recibiron o xeneral Ampudia, a quen tiñan a intención de propoñer como candidato a deputado; incluso a prensa chegou a barallar o seu nome como candidato por Lalín nas eleccións a Cortes de 1918, aínda que finalmente non chegou a presentarse.

Características do periódico
La Lucha era unha publicación quincenal, que aparecía os días 3 e 18 de cada mes, coincidindo coas feiras locais de Lalín. Empezou custando 5 céntimos e ao ano da súa saída elevou o prezo a 10 céntimos. Imprimíase en Pontevedra na imprenta Barros Hnos. (a mesma que editaba o periódico El Progreso) con formato tabloide, pero a partir do verán de 1917 pasou a publicarse en Santiago de Compostela na Tipografía La Comercial, con novo formato.

O primeiro número viu a luz o 18 de setembro de 1916 e o periódico estivo nas rúas até 1918, aínda que o último número coñecido é o 31, que corresponde ao 18 de decembro de 1917; parece lóxico supoñer que se editarían algúns números máis, sen que teñamos constancia exacta da data do seu remate.

Non foi La Lucha un caso singular, outras agrupacións mauristas de vilas ou cidades galegas editaron tamén os seus órganos de prensa: Hidalgía de Chantada (tamén de 1916), é o exemplo máis próximo, aínda que poderiamos citar outros: Justicia de Padrón, El Látigo de Conjo, La Justicia de Rianxo, La Noche de Vigo, La Verdad de Santiago ou El Lucero de Cospeito. Por non falar de El Ideal Gallego, o diario da Coruña dirixido polo carbiense Alfredo García Ramos, portavoz oficioso do maurismo en Galicia.

Os cinco números que puiden consultar (grazas á xenerosidade de Andrés Ramos), poden servir para facernos unha idea do que foi esta publicación.

Como xa comentei, non se trata dun periódico de información xeral, senón dun órgano partidario e, polo tanto, a maior parte do seu contido responde á difusión do ideario maurista. Artigos como “Nuestra línea de conducta”, “La propaganda maurista” ou “Los obreros y la cuestión social” son boa mostra diso. E, naturalmente, hai unha crítica feroz ao caciquismo exemplificado na figura de Antonio Crespo: “Muy bien D. Antonio. Genio y Figura”, “El tinglado Riestrista”, “Y luego te diré”. O correspondente en Agolada asina tamén varias crónicas que atacan a Ulrico Fociños.

A deficiente xestión do alcalde Crespo no Concello aparece reflectida en case todos os números: “Los presupuestos municipales”, “Dónde está el mobiliario”, “Una broma y una burla”, “Verlo para creerlo”, “¿Quién es el responsable?”… O periódico conta tamén cunha sección fixa “O pe do lar”, escrita en galego, na que publica longas composicións en verso de ton satírico, que fan burla do alcalde e os seus concelleiros.

Completa o contido outra sección fixa, “Ecos de Sociedad” na que se dá conta dos sucesos máis importantes acaecidos na vila; a máis interesante para poder facer unha crónica da vida local. A última páxina está reservada a publicidade, case toda dos negocios dos membros do Centro Maurista ou dos seus amigos políticos.

Publicidade en La Lucha

Publicidade en La Lucha

Hai que destacar a publicación dun poema de Ramón Cabanillas “Anduriña volvoreta”, que parece indicar a relación do maurismo con algúns sectores do agrarismo e do galeguismo conservador.

Ao respecto dos colaboradores, pouco se pode apuntar, pois a maioría dos artigos non teñen sinatura ou están asinados con pseudónimos: Mauricio, Xan d’a Xesta, Odnis, D. Oci Pla, Pedro Juan, El Oráculo del Candán, Flautín… O único que aparece con nome e apelidos é o dedicado a enxalzar a figura do xeneral Rubín, candidato maurista a deputado polo distrito de Redondela, que asina o párroco J. M. Sanmartín.

Acontecementos importantes para o maurismo local, como a alianza con agraristas e liberais opostos a Riestra para presentar como candidato o director do periódico, Bernardo Madriñán, para as eleccións a deputados provinciais de marzo de 1917, tiveron seguramente moito eco en La Lucha, pero non puiden consultar ningún número correspondente a esa etapa.

Parece que o periódico desaparece en 1918, e non puido dar conta da pretensión dos mauristas lalinenses de presentar como candidato a deputado a Cortes a Pío Ballesteros, en contra do encadrado Manuel Sáinz de Vicuña. A experiencia saldouse cun novo fracaso dos mauristas pois, grazas aos manexos caciquís, Ballesteros foi derrotado polo xenro de García Prieto.

O director

Bernardo Madriñán

Bernardo Madriñán

La Lucha estivo dirixida polo avogado Bernardo Madriñán González, nacido en Donramiro en 1883. Concelleiro en Lalín dende 1911, foi o máis activo dos líderes mauristas locais. A súa actividade política continuou logo da desfeita do Centro Maurista, cando nos anos vinte se asociou ao novo agrarismo de vinculación católica, da man do seu correlixionario Gonzalo López, que presidía a Asociación de Agricultores de Vilanova e Doade. Non ocupou ningún cargo durante a ditadura de Primo de Rivera pero, ao rematar esta, foi nomeado concelleiro e elixido alcalde o 15 de abril de 1930. Foi o último alcalde antes da proclamación da República e, aínda que se presentou ás eleccións do 12 de abril, foi desbancado polos republicanos de Manuel Ferreiro. Durante a República encadrouse primeiro no Partido Liberal-Demócrata, para pasar a militar en 1935 no Bloque Nacional de Calvo Sotelo. Coa sublevación fascista de xullo de 1936 foi nomeado alcalde, permanecendo no cargo até o ano seguinte.

Curiosamente, quen o sucedeu na alcaldía, Alfonso Garra Goyanes (O conexo), era o fillo de Wenceslao Garra Somoza (1868 – 1944), o farmacéutico que fora administrador do periódico.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin