Your favorite left sidebar content goes here




guerra-civil

Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Lalín, ordenados pola data do seu falecemento:

Manuel Ferreiro Panadeiro. Nado en Lodeiro en 1903. En 1930 funda o Centro Republicano de Lalín e dirixe o seu periódico Atrás. Foi elixido alcalde de Lalín como cabeza da candidatura republicana que gaña as eleccións en 1931. Fiel á disciplina da FRG, cando se disolve, intégrase en Izquierda Republicana. Ao producirse a sublevación fascista, organiza un intento de resistencia en Lalín enviando a Pontevedra unha columna de obreiros mobilizados polos sindicatos en apoio á República. Ao fracasar, refúxiase en Compostela, onde permanece agochado ata que o deteñen nos primeiros días de agosto. Foi trasladado a Pontevedra, onde o xulgan en Consello de Guerra o 21 de agosto. Condenado á pena de morte, foi fusilado no quilometro un da estrada a Campañó o 27 de agosto de 1936.

Eligio Quintá Ramos. Nado en Cristimil en 1914. Estivera afiliado á Sociedad Obrera de Donsión. Estaba cumprindo o servizo militar en Ferrol, onde foi paseado o 6 de outubro de 1936.

Xesús Froiz Gómez. Nacido en Moneixas en 1902, era xornalista e poeta, na República foi garda municipal. Militante do Partido Galeguista, animador e propagandista de Os Dezas de Moneixas, colaborou en Verdad y Justicia e A Nosa Terra, dirixiu La Nueva España e foi redactor de Razón. O 4 de agosto de 1936 detéñeno e ingresa en prisión, onde permanece ata o 9 de outubro, cando o levan para pasealo na Estrada.

Gonzalo López Rodríguez. Foi paseado o 11 de outubro de 1936 en Serantes (Ferrol).

Luis Frade Pazos. Naceu en Bendoiro en 1894. Fundador da sociedade obreira de Ponte-Nova, da que foi elixido vicepresidente en xaneiro de 1931. Foi concelleiro republicano en Lalín. Nomeado en marzo de 1936 recadador municipal, ocúpase da dirección do concello en colaboración con Manuel Ferreiro. Chantaxeado polas autoridades fascistas, foi obrigado a pagar unha suposta débeda que tiña co Concello coa promesa de que non lle ía pasar nada. Pero igualmente foi detido o 27 de outubro e internado na Prisión de Lalín. O 4 de novembro trasládano xunto con outros 38 detidos á Illa de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para asasinalo o 9 de novembro en Tenorio.

Eliseo Garra Lalín. Nace en 1893 en Lalín. Membro do Centro Republicano de Lalín, foi nomeado Inspector de camiños do concello en 1933. No período do Frente Popular era o encargado da confección do Padrón de habitantes. Foi un dos condutores dos automóbiles que trasladaron aos obreiros a Pontevedra o 20 de xullo. Detido o 15 de setembro, agarda na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro o traslado a illa de San Simón. Sácano o día 9, aínda que segundo algunhas testemuñas, o seu asasinato podería deberse á confusión do seu apelido con outro dos detidos. Foi paseado o 9 de novembro en Tenorio.

Ramiro Granja González. Nace en Filgueira en 1889. Foi un dos fundadores da Sociedade obreira de Ponte-Nova en 1931 da que sería presidente 1936. En maio dese ano Luis Frade noméao axente executivo para o cobro de impostos municipais. Foi un dos primeiros mobilizados ante as noticias do golpe de Estado, acudindo a Lalín con varios compañeiros da Sociedade o 19 de xullo. Detéñeno o 1 de setembro e intérnano no Cuartelillo de Falage instalado no Hospitalillo. Alí foi torturado e obrigado a asinar unha declaración inculpatoria. Acabaría sendo trasladado o 4 de novembro ao lazareto de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para darlle o paseo en Tenorio.

José López Bermúdez. Nado en Cádiz en 1907, residía en Bendoiro, onde foi elixido presidente da Sociedade La Democracia desa parroquia. Activo sindicalista, é un dos líderes obreiros que participa na reunión convocada por Ferreiro o 20 de xullo para mobilizar aos traballadores en defensa da República. Foi detido o 20 de outubro, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan a San Simón. De alí sae para a morte o 9 de novembro de 1936 en Tenorio.

José Montouto Rodríguez. Nace en 1890 en Donsión. Participou na fundación da sociedade de Ponte-Nova, da que foi elixido vicetesoureiro en 1931. Foi detido o 9 de setembro de 1936, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan ao Lazareto, do que sae o 9 para a súa execución en Tenorio.

Luis Varela Sobrado. Naceu en Palmou en 1907. Canteiro, co inicio das obras do ferrocarril, trasládase a Botos. Afíliase a Sociedade obreira La Equidad converténdose no seu presidente. Foi detido en novembro de 1934 xunto con José González, acusado de coacción aos obreiros do ferrocarril con motivo dos sucesos de outubro. Foi detido o 1 de setembro de 1936 e internado no Cuartelillo de Falage instalado no Hospitalillo. Trasladado a Prisión de San Simón o 4 de novembro, sácano o día 9 para asasinalo en Tenorio

José Crespo Torres. Nado en Bendoiro en 1905, emigrante retornado de Bos Aires, era vicepresidente da Sociedade Obreira de Donsión en 1931. Fundou a Sociedade obreira La Democracia de Bendoiro. Nomeado alguacil-porteiro do concello en 1934, foi detido con José Fondevila polos sucesos de outubro dese ano. Detido en Lalín o 23 de xullo de 1936, foi trasladado a Pontevedra o 15 de setembro e xulgado en Consello de Guerra o 18 de novembro. Condenado á pena de morte, foi fusilado o 2 de decembro.

Benito Fernández Balboa. Nado en Lalín en 1903. Foi nomeado garda municipal na República. Detido o 15 de setembro de 1936, foi trasladado a San Simón en outubro. Xulgado en Consello de Guerra o 20 de novembro, foi condenado a reclusión perpetua. O 4 de xaneiro de 1937, co pretexto dun traslado de prisión foi asasinado.

José Donsión Muíños. Nado en Donsión en 1902. Emigrado en Arxentina de onde retorna en 1934. Canteiro de profesión, traballaba nas obras do ferrocarril. Pertencía á directiva da Sociedade Obreira La Fraternidad de Donsión. Detido o 3 novembro de 1936, foi trasladado ao día seguinte a San Simón. Xulgado en Consello de Guerra o 2 marzo de 1937, foi condenado á pena de morte. O 16 marzo foi executado en Monteporreiro.

Adolfo Blanco Barreiro. Nado en Cristimil. Pertencía ao Comité Republicano de Gresande-Cristimil. Detido en Lalín o 25 de agosto de 1936. O 4 de novembro foi trasladado a Pontevedra onde o xulgan en Consello de Guerra sendo condenado a reclusión perpetua. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona, participa na fuga, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

José Carballude González. Nado en Donsión en 1904. Canteiro e obreiro do ferrocarril. Membro da directiva da Sociedade Obreira La Fraternidad de Donsión afecta á UGT. Detido en Lalín o 7 de setembro de 1936. O 4 de novembro foi trasladado a Pontevedra onde foi xulgado en 1937 e condenado a reclusión perpetua. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona onde participa na fuga do penal, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

Antonio Iglesias Blanco. (O fillo da Mandica de Doade). Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona onde participa na fuga, sendo abatido pola Garda civil o 22 de maio de 1938.

Amadeo Enríquez Baldonero. Nado en Vilanova en 1916. Morto mentres está en filas.

Celso Lamas Coego. Nado en Cristimil en 1917. Chamado a filas, morto ao intentar pasarse ao bando leal.

José Vázquez Fernández. Nado en Cuba en 1906, fillo de José Vázquez Fernández de Bermés, retorna coa familia a Galicia en 1926. Peón nas obras do ferrocarril e afiliado á Sociedad de Oficios Varios de Donsión. Foi detido en Pontevedra o 25 de xullo de 1936. Xulgado en Consello de guerra o 20 novembro foi condenado á pena de morte, aínda que lle foi conmutada pola inferior, reclusión perpetua, por ser súbdito cubano. Trasladado á prisión de Pamplona en maio de 1937, a causa das duras condicións da cadea, morre por tuberculose o 21 de maio de 1940.

Benito González González. Nado en Lebozán en 1918. Zapateiro, fora detido e estivo preso en Pontevedra. Pretendía unirse á guerrilla en 1947 con outros tres compañeiros, pero foron descubertos pola Garda civil que os agardaba no lugar establecido para o contacto e Benito foi abatido no muíño de Lebozán o 9 de decembro de 1947.

Miguel Lamas Iglesias. Nace en Vilatuxe en 1902. Membro da Directiva da Sociedade Fraternidad de Donsión. Detido na Prisión de Lalín o 22 de agosto de 1936. O 8 setembro foi trasladado á Illa de San Simón. Xulgado o 18 novembro en Consello de Guerra foi condenado a reclusión perpetua. Foi liberado en 1941. Volven detelo en 1948 acusado de axudar á guerrilla. Xulgado na Coruña o 22 de marzo de 1949, foi condenado a un ano e seis meses de prisión. Como consecuencia da súa estadía no cárcere acabaría morrendo en Donsión ao pouco de ser liberado o 14 abril de 1951.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin