Your favorite left sidebar content goes here




atila-en-galicia-3

Este é o listado (seguramente incompleto) dos mortos pola represión franquista do concello de Carbia (hoxe Vila de Cruces), ordenados pola data do seu falecemento:

Manuel Villar Cimadevila (Vila de Cruces, 1896). Instalado en Vigo onde casou con Enriqueta Villar, foi candidato ás municipais de 1931 pola ORGA. Foi dirixente provincial do PRG e despois en Izquierda Republicana. Foi promotor do semanario Clarín de Pontevedra. Foi paseado en Gondomar o 6 de outubro de 1936.

Eduardo Brea Cajide (Besexos, 1903), concelleiro en marzo de 1936. Foi detido, xulgado en Pontevedra o 9 de xaneiro de 1937 e condenado a pena de morte. Foi fusilado o 26 de xaneiro de 1937.

Primo López Rivadulla (Vila de Cruces, 1910), oficial do Concello de Carbia. Elixido secretario de Izquierda Republicana en febreiro de 1935. Foi detido en Santiago de Compostela a finais de 1936. Xulgado en Pontevedra, foi condenado a pena de morte e fusilado o 26 de xaneiro de 1937.

Antonio Gómez López (Vila de Cruces, 1902), emigrante retornado, elixido tesoureiro de Izquierda Republicana en febreiro de 1935. Foi nomeado concelleiro en marzo de 1936 e elixido 1º Tenente-Alcalde. Detido no verán de 1936, foi xulgado en Pontevedra, condenado a pena de morte e fusilado o 26 de xaneiro de 1937.

Manuel Sarmiento Debén (Sabrexo, 1903) , xastre, emigrante retornado de Cuba, elixido vicepresidente de Izquierda Republicana en febreiro de 1935. Detido o 4 de agosto de 1936, foi xulgado en Pontevedra, condenado a pena de morte e fusilado o 26 de xaneiro de 1937.

Cándido Tafalla Fróiz (Besexos, 1898), era o administrador do Hotel Estrella da Estrada. Detido no verán de 1936, foi xulgado en Pontevedra, condenado a pena de morte e fusilado o 5 de xuño de 1937.

Ramón Torreiro Rial (Cumeiro, 1901), canteiro, tiña unha taberna en Sabrexo. Detido no verán de 1936, foi internado en San Simón, onde morreu o 26 de xuño de 1937.

Ramón Cajide Rodríguez (Sabrexo, 1909), mineiro, detido pola Garda Civil o 11 de agosto de 1936. Estivo preso en San Simón e foi trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona onde morreu en 1938.

Enrique Villar Cimadevila (Vila de Cruces, 1906), oficial do Concello de Carbia. Elixido vocal de Izquierda Republicana en febreiro de 1935. Foi detido o 23 de xullo de 1936. Xulgado en Pontevedra, foi condenado a cadea perpetua e internado en San Simón. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937, foi un dos participantes na fuga o 22 de maio de 1938, e morreu abatido polos seus perseguidores.

Manuel Cea Asorey (Sabrexo, 1912), mineiro, detido pola Garda Civil o 11 de agosto de 1936. Estivo preso en San Simón e foi trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona. Participou na fuga do 22 de maio de 1938, e morreu abatido polos seus perseguidores.

Luís Villar Cimadevila (Vila de Cruces, 1911), foi elixido vocal de Izquierda Republicana en febreiro de 1935. Foi axente executivo do concello de Carbia e despois do de Agolada. Foi detido o 23 de xullo de 1937. Xulgado en Pontevedra, foi condenado a cadea perpetua e internado en San Simón. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937. Participou na fuga do 22 de maio de 1938 e foi detido. Xulgado en consello de guerra, foi condenado a morte e fusilado o 13 de novembro de 1938. Foi soterrado en Añézcar.

Rogelio Cajide Rodríguez (Sabrexo, 1913), mineiro, detido pola Garda Civil o 11 de agosto de 1936. Estivo preso en San Simón e foi trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona. Participou na fuga do 22 de maio de 1938 e foi detido. Morreu no penal de San Cristobal o 30 de abril de 1940.

Ramón Ramos Lamas (Fontao, 1911), secretario do Sindicato de Obreros de las Minas de Estaño. Foi detido o 23 de xullo de 1937. Xulgado en Pontevedra, foi condenado a cadea perpetua e internado en San Simón. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937. Participou na fuga do 22 de maio de 1938 e foi detido. Fóille conmutada a pena en 1941 e retornou a Fontao, onde morreu a consecuencia do padecementos da prisión o 16 de setembro de 1941.

Jesús Cea Asorey (Sabrexo, 1907), mineiro, detido pola Garda Civil o 11 de agosto de 1936. Estivo preso en San Simón e foi trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937. Participou na fuga do 22 de maio de 1938 e foi detido. Fóille conmutada a pena e retornou a Sabrexo, onde morreu a consecuencia do padecementos da prisión o 17 de febreiro de 1942.

Manuel Carballal Pena (Cumeiro, 1898), preso en San Simón e trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937. Participou na fuga do 22 de maio de 1938 e foi detido. Fóille conmutada a pena e volveu ás Cruces. Acusado de axudar á guerrilla antifranquista en 1948, foi novamente procesado e encarcerado. Suicidouse na Prisión da Coruña o 15 de decembro de 1948.

Rogelio Salgado Rey (Sabrexo, 1913), mineiro, detido pola Garda Civil o 11 de agosto de 1936. Estivo preso en San Simón e trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937. Fóille conmutada a pena e retornou a Sabrexo. Acusado de axudar á guerrilla antifranquista en 1948, foi novamente procesado e encarcerado. Morreu en Sabrexo a consecuencia de tuberculose o 26 de febreiro de 1950.

Ramón Asorey López (Larazo, 1903), detido pola Garda Civil o 11 de agosto de 1936. Xulgado en Pontevedra, foi condenado a cadea perpetua e internado en San Simón. Trasladado ao penal de San Cristobal en Pamplona en xullo de 1937. En marzo de 1939 foi trasladado á Prisión Central de Cuellar, onde morreu en data descoñecida.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin