Your favorite left sidebar content goes here




40 anos da Asociación Cultural Deza

Asociación Cultural Deza – Normalización da lingoa

Este ano 2016 celébranse os 30 anos da fundación da Asociación Cultural O Naranxo, da que formo parte desde os seus inicios. Porén hai outro aniversario que pasou un pouco máis desapercibido: os 40 anos da Asociación Cultural Deza, a primeira asociación para a defensa e promoción da cultura galega da nosa comarca.

No marco da transición política, poucos meses despois da morte do ditador, nun contexto de prohibición dos partidos políticos e falta de liberdades, un grupo de lalinenses concienciados decidiron crear unha agrupación que puidese servir de canle de expresión para as inquedanzas sociais e culturais. A única posibilidade que ofrecía a legalidade posfranquista era poñer en marcha unha asociación cultural como outras que levaban funcionando ao abeiro da Lei de Asociacións de 1964 en cidades e vilas de Galicia. Estas asociacións tiñan como principal obxectivo facer visibles os problemas do país e construílo tendo en conta a lingua e a cultura propias. Tiveron que salvar moitos atrancos: censura, dificultades administrativas, prohibicións, control policial e intimidacións.

A Asociación Cultural Deza foi inscrita no Rexistro do Goberno Civil o 6 de outubro de 1976, e na acta fundacional figuraban como socios fundadores Florentino Cacheda, Javier Navaza, Damián Alonso, Victorino Gutiérrez, Jaime Aller, Ricardo Vidal, Ramón Rodríguez, Jesús Vázquez e Mariano Facal.

Os promotores da Asociación levaban reuníndose dende principios dese ano e xa se presentaran publicamente un mes antes. Coincidindo coas festas de setembro de Lalín organizaron a I Feira do Libro Galego, coa intención de dar a coñecer aos lalinenses a produción editorial na nosa lingua. Nos baixos das galerías do Roque, na rúa Rosalía de Castro, montaron unha exposición e venda de libros en galego e convidaron varios autores que se achegaron a Lalín para promocionar a súa obra e asinar exemplares. Víctor Freixanes que acababa de publicar Unha ducia de galegos estivo o sábado, así como Manuel María ou Bernardino Graña, que se achegaron a Lalín o luns das festas. Tamén estivo Manuel Varela Buxán asinando os seus libros O ferreiro de Satán e Taberna sen dono editados o ano anterior. Como complemento á feira organizaron un recital de canción galega e brasileira na sala de festas Sauces no que participaron os cantautores Xosé Quintas Canella, Xosé Manuel Conde e o grupo brasileiro Ben-Virá, que estaba de xira por Galicia. O concerto foi un éxito de público e a xente rematou berrando “Amnistía, liberdade!”.

Ao ano seguinte volveron organizar a II Feira do Libro Galego, e nesta ocasión incorporaron unha exposición de pintura para a que cederon obras Laxeiro, Colmeiro, Antón Lamazares e Sucasas. Laxeiro inaugurou a feira cun “conto”.

O primeiro presidente da Asociación foi Ramón Rodríguez Taboada (Moncho Nela), mentres que da secretaría se encargaba Xerardo Fentanes Merino. O seguinte en exercer o cargo de presidente foi José Aller Goyanes, elixido en abril de 1978, continuando Xerardo Fentanes como secretario.

Asociación Cultural Deza – Normalización da lingoa

O labor de difusión cultural da asociación tivo como eixo fundamental a organización de conferencias de escritores galegos: Gonzalo Torrente Ballester e Bernardino Graña falaron no salón de actos do Instituto Ramón Mª Aller; ademáis organizouse un ciclo de charlas na biblioteca municipal. Porén, a actividade cultural da Deza ía máis alá da programación de relatorios, pois organizaron recitais e audicións musicais como a de Miro Casabella no salón de actos do Instituto, que contou coa presenza sorpresa de Francesc Pi de la Serra, ou a do cantautor Suso Vaamonde. Tamén houbo unha actuación do Mago Antón.

En moitos dos actos da asociación era patente a presenza de policía de paisano e nalgunha feira do libro tiveron a visita do tenente do posto da Garda civil, quen os ameazou con multas se non retiraban da venda algún dos libros daquela prohibidos pola censura.

Complementaban con outras actividades de promoción da cultura tradicional como unha exposición e venda de cerámica tradicional galega, principalmente de Niñodaguia e Buño, que algúns dos socios foron buscar nos seus automóbiles a Xunqueira de Espadañedo e Malpica de Bergantiños.

Unha das últimas actividades na que interviron os da Deza foi o Festival da Canción Galega que tivo lugar nas festas de setembro de 1979. Nel participaron Fuxan os Ventos, A Roda, Solano, Ana Kiro e Xoán Sisto e contou co colaboración de Xan das Canicas.

Varios dos membros da Asociación estiveron tamén implicados a finais de 1977 na fundación da primeira Asociación de Veciños de Lalín, que se denominou San Xosé.

Non sei moito do final da Asociación, é de supoñer que foi esmorecendo pola marcha dalgúns dos seus membros mentres que outros se dedicaron a outras actividades a partir nos anos oitenta, cando xa era posible a militancia política fóra da clandestinidade. Sirvan estas notas, debedoras das aportacións de Moncho Nela e Mariano Facal, para animar a todos os que estiveron implicados na Deza a reconstruír con máis claridade e amplitude a súa historia.


Categorías

3K2 theme by Hakan Aydin